Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FGADACE | 07/07/2021 | Luciano Fernández, presidente de FEGADACE, e Aitor de Luis, asinan o convenio de colaboración

FEGADACE amplía a súa rede de colaboracións con catro novos convenios

Acordos coa UDC, a escola de Traballo Social da USC, a revista Eroski Consumer e o nadador Aitor de Luis.

07/07/2021 | Galicia

O establecemento de novas sinerxías para a realización de proxectos que redunden na calidade de vida das persoas con dano cerebral é unha das liñas estratéxicas de traballo de FEGADACE. Nese marco, a Federación vén de asinar catro novos convenios de colaboración con diferentes entidades. Parte deles encádranse no traballo de sensibilización, información e prevención, e outros achegan a FEGADACE a dúas das universidades galegas:

Universidade da Coruña. Como resultado do contacto coa Facultade de Socioloxía da UDC, e en concreto co Equipo de Investigación Sociedades en Movemento (ESOMI), na presentación do Estudo sobre 'O coidado informal no dano cerebral', FEGADACE e a universidade coruñesa decidiron ampliar a súa colaboración posibilitando a realización de prácticas de alumnado do centro, sen especificar a titulación, coa Federación e as súas distintas asociacións.

Escola Universitaria de Traballo Social da USC. A escola, adscrita á Universidade de Santiago de Compostela, poderá enviar ao seu alumnado a realizar prácticas profesionais na Federación e asociacións de dano cerebral trala sinatura do convenio marco con FEGADACE.

Eroski Consumer. FEGADACE inicia este mes unha serie de colaboracións coa popular revista online que, entre outros temas, trata os da alimentación, saúde e solidariedade, sempre desde a perspectiva da defensa dos dereitos do/a consumidor/a. A Federación vai publicar, cada dous meses, un artigo sobre un tema de interese relacionado coa prevención do dano cerebral adquirido e as súas causas, o modelo de atención, as necesidades das persoas e familias con esta discapacidade, ou o voluntariado e outras iniciativas solidarias.

Aitor de Luis. O convenio asinado co nadador de augas abertas Aitor de Luis regula as vías de colaboración abertas para a realización de actividades de concienciación sobre o dano cerebral. Retos e travesías realizadas polo deportista levarán o selo de FEGADACE para sensibilizar sobre o dano cerebral e continuar dando a coñecer esta discapacidade, as súas causas, as posibilidades de prevención, e as necesidades de atención do colectivo.

Arquivada en:
Transparencia > Documentos corporativos
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)