Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 06/08/2018 | Portada da nova páxina web de FEGADACE

A Federación Galega de Dano Cerebral amplía a súa presenza na internet cunha nova web

Elaborada grazas á Fundación Barrié a través do programa Máis Social Conecta.

06/08/2018 | Galicia

O asociacionismo do dano cerebral adquirido acaba de dar un paso adiante na internet grazas á estrea da nova páxina web de FEGADACE. Esta ferramenta online amplía o catálogo informativo e de servizos que a Federación oferta na rede. Tamén subliña a importancia da fotografía e o vídeo, que cobran protagonismo facilitando o acceso aos contidos da Federación.

As principais novidades son un completo inventario dos recursos de atención ao DCA que existen en Galicia para cada unha das fases desta discapacidade (con formato de mapa); a oferta completa de servizos das asociacións federadas; un apartado de transparencia con información corporativa e de rendición de contas permanentemente actualizada; e máis e mellor información sobre o DCA, as súas causas, consecuencias e consellos para a prevención e convivencia con esta discapacidade.

FEGADACE renova ademais o seu boletín quincenal Actualidade do Dano Cerebral Adquirido en Galicia, e continúa a facilitar á poboación información sobre como colaborar coas persoas con DCA a través de doazóns, legados, voluntariado, ou asociándose.

Incorpórase un repositorio de testemuños para todas aquelas persoas que queiran achegar a súa opinión sobre FEGADACE e as súas asociacións ou sobre a convivencia co DCA, e increméntase o protagonismo da exposicion de demandas e necesidades do colectivo.

Esta renovada páxina web é o resultado da colaboración da Fundación Barrié a través do programa Máis Social Conecta, polo cal dez entidades sociais se beneficiaron entre 2017 e 2018 do asesoramento e creación de cadansúa nova ferramenta online.

Arquivada en:
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)