Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Pexels | 05/08/2023 |

FEGADACE avanza na implantación do seu Plan de Transformación Dixital

O proceso, iniciado en xuño de 2022, contou co asesoramento da Fundación Esplai.

05/08/2023 | Santiago de Compostela

A Federación Galega de Dano Cerebral está a traballar nun proceso interno de transformación dixital orientado a mellorar a cultura organizacional, a comunicación e o traballo colaborativo para, en última instancia, aumentar o impacto e a eficiencia dos servizos que o movemento asociativo presta ás persoas con DCA e as súas familias.
 
A operación, iniciada en xuño de 2022, estase a executar segundo os estándares marcados pola metodoloxía de diagnose, formación e acompañamento para entidades sociais da Fundación Esplai, especializada no apoderamento cidadá mediante o traballo en rede, a acción socioeducativa e a inclusión no eido das TIC.
 
O traballo guiado por esta organización nos últimos meses no marco do programa DigitalizaONG, deu lugar á planificación estratéxica dixital de FEGADACE e das cinco entidades que a integran sobre a base de cadanseu informe de diagnose de madurez dixital, dos que xurdiron catro plans de transformación dixital, así como da capacitación en competencias dixitais dos equipos profesionais.

Plan de transformación dixital de FEGADACE

Un dos principais resultados do proceso é a elaboración do plan de transformación dixital da Federación (PTD), cuxa execución está prevista para o período 2023-2024. O documento establece como obxectivo estratéxico aumentar o impacto e a eficiencia dos servizos e procesos levados a cabo por FEGADACE mediante a implantación de solucións dixitais. A partir deste eixe central despréganse catro metas operativas noutras tantas áreas de acción:
 
  • Mellorar a capacitación e formación dixital do equipo técnico e órganos de goberno da federación.
  • Adaptar ás infraestruturas, tecnoloxías e procesos de traballo ás demandas da sociedade dixital e ás necesidades da organización.
  • Promover o acceso a solucións tecnolóxicas innovadoras, especialmente na práctica profesional co fin de mellorar a calidade de vida e autonomía das persoas e familias con DCA.
  • Aumentar a visibilidade na rede dos servizos prestados polo movemento asociativo.
Con esta folla de ruta, FEGADACE intensifica o proceso de dixitalización no que estaba inmerso o movemento asociativo do dano cerebral cando a pandemia do coronavirus obrigou a acelerar o paso. Entón, o proxecto Stop Fenda Dixital foi unha das respostas de urxencia dadas e tamén unha primeira reflexión e sistematización de medidas a adoptar ao redor de obxectivos definidos e con medidores de desempeño.
 
A partir das aprendizaxes extraídas do seu desenvolvemento, o PTD xorde como unha estratexia global para un desenvolvemento dixital e tecnolóxico totalmente aliñado coas prioridades do colectivo e da organización que representa FEGADACE. A execución concreta do PTD estase a vehicular a través do Plan Operativo Dixital, que será revisado o ano que vén para reformular as actuacións que non se puideran realizar. Nel establécese, ademais dunha periodización das accións, o grao de primacía na aplicación.
 
Así, considéranse accións de alta prioridade, en primeiro lugar, as basais e/ou de infraestrutura dixital, que condicionan o ulterior desenvolvemento da actividade da Federación, como a implantación dun sistema de planificación de recursos empresariais, a mellora das conexións e o traslado do servizo de almacenamento á nube de Microsoft 365. Igualmente, tamén se catalogan como de alta prioridade as accións que implican o aumento da visibilidade online dos servizos prestados por FEGADACE e que se desenvolven a través de dúas liñas: a actualización e mellora de posicionamento da páxina web e a o desenvolvemento dunha estratexia que potencie a difusión e o alcance a través de redes sociais.

Dixitalización social

O sistema de xestión da transformación dixital estáse a realizar conforme a principios de tecnoloxía social, innovación e cultura organizativa, que priorizan e poñen no centro ás persoas sobre criterios de calidade de servizo, minimizando a fenda dixital. Ao aplicar esta metodoloxía, certificada pola Fundación Esplai, a Federación adquire unha serie de compromisos na súa xestión tecnolóxica. Entre eles destaca a busca de solucións tecnolóxicas que prevean e incorporen criterios de accesibilidade universal; ou a sostibilidade e uso ético da tecnoloxía.
 

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Accesibilidade e TIC
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)