Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© INICO | 13/07/2020 | Reunión de FEGADACE coas investigadoras do INICO durante o estudo sobre modelos de atención

FEGADACE colabora co INICO nun estudo sobre modelos de atención ao dano cerebral

As directoras de Federación e asociacións reuníronse coas investigadoras da Universidade de Salamanca.

13/07/2020 | Galicia

O Instituto Universitario de Integración na Comunidade (INICO), dependente da Universidade de Salamanca (USAL), está a desenvolver unha investigación sobre os diferentes modelos de atención ao dano cerebral adquirido que hai en todo o Estado. O INICO colabora para este estudo con FEDACE, dando continuidade a un importante vínculo que conta entre os seus fitos coa elaboración da escala CAVIDACE por parte do grupo de investigación da USAL, ou coa concesión a ese organismo do 6º Premio FEGADACE - Miguel Blanco en 2018.

O obxectivo do estudo é elaborar un documento no que se recolla como se atende ás persoas con dano cerebral adquirido nas 17 comunidades autónomas para que lles sirva de modelo común. O INICO ten constatado que nas fases iniciais a atención e máis ou menos homoxénea e de alta calidade, pero que se produce unha ruptura asistencial unha vez se recibe a alta hospitalaria que leva ás persoas a servizos de rehabilitación e inclusión moi desiguais.

Co documento final facilitarase a prestación de servizos, a colaboración entre administracións e territorios, e contribuirase ao fin último da mellora da calidade de vida das persoas con dano cerebral e das súas familias. Aínda que inicialmente esta investigación ía estar finalizada no primeiro trimestre deste ano, o INICO tivo que ampliar o seu prazo de execución debido á crise sanitaria causada pola COVID-19.

O INICO está a recoller información dos servizos de atención sanitaria e social e do tecido asociativo. Nese marco, o pasado 2 de xullo as investigadoras Alba Aza e María Hernández mantiveron unha reunión coas directoras de FEGADACE, Begoña Hermida, e das asociacións federadas: Natalia de Llano, de ADACECO; Iria Abel, de ADACE Lugo; Gonzalo Mira, de Alento; e Rocío García, de Sarela -só non puido estar presente a directora de Renacer, Noelia Luque-. Grazas a este testemuño puideron coñecer mellor de que servizos dispoñen as persoas con dano cerebral en Galicia e cales son as prestacións das asociacións membro de FEGADACE.

Arquivada en:
O Dano Cerebral > Fases do dano cerebral > Crónica: vivir con dano cerebral adquirido
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)