Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Alento | 19/05/2020 | O persoal de Alento amosa os dispositivos LU_Touch

FEGADACE comeza a recibir doazóns para o reinicio seguro da actividade

ASIME, Sergas e Arlit achegan dispositivos de prevención e disinfección ás asociacións de dano cerebral.

19/05/2020 | Galicia

O secretario xeral da Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (ASIME), Enrique Mallón, estivo onte en Alento para efectuar a doazón dun lote de dispositivos LU_Touch para as asociacións galegas de dano cerebral. LU_Touch é unha ferramenta que serve para previr contaxios ao abrir portas e ventás, premer botóns, e outros contactos indirectos que poden favorecer a transmisión da COVID-19.
 
O Plan de Contixencia de FEGADACE e as súas cinco asociacións para a actual crise sanitaria marca as pautas de reinicio da actividade presencial con garantía de seguridade para os equipos profesionais, as persoas con dano cerebral e as súas familias, provedores, etc. Por ese motivo, a Federación iniciou un proceso de abastecemento de materiais e de produtos de seguridade e de desinfección dentro do que tamén está a recibir diversa doazóns.
 
Ademais dos dispositivos LU_Touch, a día de hoxe FEGADACE recibiu material de desinfección e EPIs para o persoal da Federación e das asociacións procedente do Sergas. O Servizo Galego de Saúde conta entre os seus fins co de abastecer os centros e asociacións de pacientes, no marco dos cales realizou a doazón a FEGADACE.
 
A terceira achega recibida pola Federación e as súas asociacións é un lote de 200 pantallas faciais de protección das que fixo entrega a empresa de comunicación gráfica Arlit.
 
A Federación e as súas asociacións continúan co labor de abastecemento de todas as medidas de protección necesarias para a "nova normalidade" nos seus centros, co obxectivo de retomar canto antes os programas de atención ás persoas con dano cerebral adquirido e as súas familias.

Arquivada en:
Recursos de Atención > Información para a atención > COVID-19
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)