Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Ride For Stroke | 27/10/2021 | O peregrino Christian Salamin con dous membros de Discamino

FEGADACE conmemora o Día do Ictus cunha recepción ao peregrino Christian Salamin

Acto de benvida á iniciativa Ride For Stroke en Compostela o venres, 29 de outubro, ás 14:00.

27/10/2021 | Santiago

O venres, 29 de outubro, conmemórase o Día Mundial do Ictus. Esta doenza é a principal causa do dano cerebral, no 78% dos casos, polo que se trata dunha data de enorme relevancia para FEGADACE e as súas asociacións.

A Federación pecha a semana do dano cerebral, iniciada onte, 26 de outubro, co Día do Dano Cerebral, cun acto de recepción ao peregrino suízo Christian Salamin. Salamin chega a Santiago tras percorrer o Camiño de Santiago desde Noruega para sensibilizar sobre o ictus, unha doenza que el mesmo tivo e que o levou a iniciar o reto Ride For Stroke, ou o que é o mesmo, Camiño polo Ictus.

Salamin atravesou Europa nunha bicicleta adaptada cos obxectivos de informar sobre o ictus, sensibilizar sobre o dano cerebral, e recadar fondos para a súa asociación, Fragile Valais, que forma parte da entidade de referencia en Suíza, Fragile Suisse. Ao mesmo tempo, a entidade suíza pertence á BIF (Federación Europea de Dano Cerebral), ao igual que FEGADACE, que participa no organismo europeo a través da Federación Española de Daño Cerebral.

O peregrino xa está en Galicia, onte, con motivo do Día do Dano Cerebral, pedaleou acompañado de Discamino, e ten previsto chegar a Santiago no mesmo Día Mundial do Ictus, este venres día 29. FEGADACE estará na Praza do Obradoiro para recibilo nun pequeno acto que vai ter lugar ás 14:00 nos soportais do Pazo de Raxoi.

Asistirán tamén o Director Xeral de Discapacidade da Xunta de Galicia, Fernando González Abeijón; a concelleira de Deportes de Santiago, Esther Pedrosa Carrete, así como outros membros da corporación municipal, e outros organismos do tecido asociativo de Santiago como o Club Ciclista ou a Agrupación Folclórica Colexiata de Sar.

Semana do Dano Cerebral

O movemento asociativo do dano cerebral está inmerso nunha semana de conmemoracións iniciada onte, con motivo do Día Nacional do Dano Cerebral. Aquí pódense consultar os actos programados, e nesta ligazón está o Manifesto do Día do Dano Cerebral 2021.

Arquivada en:
Demandas do Colectivo > Día Nacional do Dano Cerebral
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)