Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 12/05/2020 | Medidas hixiénicas nas instalacións propias

FEGADACE e as súas asociacións prepáranse para a desescalada

Recomendacións para manter as medidas de prevención de contaxios durante a Fase 1.

12/05/2020 | Galicia

O luns 11 de maio Galicia incorporouse á 'Fase 1' da transición cara a nova normalidade definida polo Ministerio de Sanidade. Este Plan de Transición define os pequenos pasos que se irán dando para recuperar a vida cotiá sen deixar de vixiar os contaxios da COVID-19 e de manter as medidas de prevención dos mesmos.
 
Que poden facer as persoas con dano cerebral na Fase 1?
 
  • Visitas a familiares e amizades. Pódense facer encontros de ata de persoas nos domicilios ou en espazos públicos. Cómpre, iso si, manter as medidas de seguridade e hixiene. Ademais, os grupos vulnerables (con patoloxías previas e/ou de risco) non deben participar nestes encontros. As visitas a residencias continúan estando prohibidas. Todos os movementos están restrindixos ao interior da provincia.
  • Paseos e saídas deportivas. Polo momento rexen os horarios separados de paseo, destinados a manter separados a grupos sociais diferenciados. Así, as persoas en situación de dependencia que saian acompañadas dunha persoa coidadora poden pasear de 10:00 a 12:00 ou de 19:00 a 20:00. Todas as persoas que residan en núcleos de poboación (non necesariamente concellos) con menos de 5.000 habitantes poden saír en calquera momento, xa que non existe perigo de aglomeración.
  • Actividades de lecer. Está permitido facer turismo activo e de natureza, realizar visitas a museos e tomar algo nunha terraza, sempre mantendo as limitacións de aforo e, por suposto, dentro da provincia.
  • Mobilidade. No caso de empregar transporte público, é imprescindible o uso de mascarilla. No caso de vehículos privados, xa é posible desprazarse con todos os membros da unidade de convivencia.
  • Tratamentos e medicación. Manter os tratamentos prescritos con normalidade e consultar co médico ou co 061 no caso de ter calquera dúbida.
  • Ictus. É fundamental continuar prestando atención aos síntomas de alarma (3F: non ser quen de Falar, perder Forza nos brazos ou ter a boca ou Faciana torta) e tratalo como a emerxencia que é. O medo á COVID-19 non debe disuadir á poboación de acudir a urxencias sempre que sexa necesario.
Aquí hai máis información sobre o Plan de Transición cara unha nova normalidade: PLAN PARA LA TRANSICIÓN HACIA UNA NUEVA NORMALIDAD: RESPUESTAS A PREGUNTAS FRECUENTES
 
Recomendacións hixiénicas
 
  • Hixiene de mans. Cómpre lavar as mans con frecuencia e meticulosamente. Non está recomendado usar luvas cando se sae á rúa, xa que o seu uso incorrecto pode contribuír á transmisión do virus. Si convén usar luvas de usar e tirar ao escoller froitas e verduras, e tamén no ámbito laboral no caso de ter recomendacións específicas ao respecto.
  • Hixiene xeral. Cubrir a boca e o nariz co interior do cóbado ao espirrar, empregar panos de usar e tirar, e evitar, en xeral, tocar os ollos, o nariz e a boca.
  • Obxectos de uso común. Recoméndase limpar os obxectos que se usaran fóra da casa (móbil, lentes...) ao chegar, e deixar os zapatos e outros obxectos que non sexan necesarios na casa (chaves, carteira...) preto da porta.
  • Limpeza da casa. Limpar con regularidade e ventilar frecuentemente. Recoméndase desinfectar os baños e as superficies que máis se tocan. Aquí hai recomendacións detalladas.
  • Distancia social e mascarilla. Débese manter unha distancia de dous metros entre persoas. Só nos casos nos que non é posible mantela está recomendado o uso de mascarilla hixiénica, que é imprescindible no transporte público.
  1. Recomendacións xerais de uso de mascarillas
  2. Que tipo de mascarilla debo usar?
  3. Uso de mascarillas médicas ou cirúrxicas

Plan de Continxencia de FEGADACE e as súas asociacións

A Federación Galega de Dano Cerebral e as súas asociacións elaboraron un Plan de Continxencia – Medidas Para a Desescalada e Continuidade Asistencial nos Centros de Atención a Persoas con DCA, co obxectivo de aplicalo de maneira transversal, e que será complementado cos Protocolos de Actuación Fronte á COVID-19 específicos nos que cada entidade está a traballar. O obxectivo é recuperar canto antes toda a actividade que sexa posible proporcionar dunha maneira segura ás persoas con dano cerebral adquirido, para as que o illamento leva sido un terrible obstáculo nos programas de rehabilitación e/ou mantemento de capacidades.
 
FEGADACE dispón desta primeira versión que aglutina medidas organizativas, técnicas e hixiénicas, así como principios e recomendacións para aplicación de xeito transversal nas cinco asociacións galegas de dano cerebral e na Federación, garantindo a plena seguridade do persoal técnico e das persoas e familias con DCA.
 
A implantación do plan xa está en marcha, aínda que a volta á actividade presencial nos servizos de atención diúrna están á espera da autorización e normativa que deberá definir a Consellería de Política Social. Mentres, as asociacións de dano cerebral están a formar ao seu persoal técnico na Prevención de Riscos Laborais específicos do coronavirus, e na finalización dos seus protocolos de traballo na "nova normalidade".
 

 

Arquivada en:
Recursos de Atención > Información para a atención > COVID-19
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)