Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Axenda

© FEGADACE | 06/05/2022 | Sesión informativa en Carral

FEGADACE e Carral colaboran cunha sesión informativa sobre o dano cerebral

A actividade de sensibilización e prevención vai ter lugar o mércores 18 de maio na Casa da Cultura.

18/05/2022 - 18/05/2022 | Carral

A información sobre o dano cerebral adquirido chega a Carral pola man da colaboración entre o concello coruñés e a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). Unha das principais liñas de actuación da Federación é a información e sensibilización, cos obxectivos de dar a coñecer a realidade das persoas con dano cerebral, pero tamén de axudar a previr esta discapacidade, que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia.
 
A actividade informativa está dirixida a todo tipo de público e nela a traballadora social de FEGADACE vai falar da prevención das principais causas do dano cerebral (o ictus -que está detrás do 78% dos casos- e os accidentes de tráfico), e do modelo de atención e rehabilitación que se desenvolve nas asociacións galegas de dano cerebral, ditado polo Ministerio de Sanidade a través do Imserso. Centrarase especialmente en presentar o recurso asociativo máis próximo a Carral: ADACECO, a Asociación de Dano Cerebral da Coruña, que se ocupa de toda a área sanitaria da Coruña e Cee.
 
Esta charla vai ter lugar o mércores 18 de maio ás 20:00 hh. na Casa da Cultura de Carral. O acceso é libre, pero recoméndase inscribirse no teléfono 981 672 580.
 
A organización desta actividade conta coa colaboración do Concello de Carral e co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.
 
Lugar de celebración:

Casa da Cultura de Carral
O acceso é libre, pero recoméndase inscribirse no teléfono 981 672 580
 

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Información sobre o dano cerebral
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)