Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Axenda

© FEGADACE | 09/03/2023 | 'Punto e seguido' en Rianxo

FEGADACE e o IES Félix Muriel de Rianxo colaboran coa mostra 'Punto e seguido'

A colección de fotografías do compostelán Aigi Boga pode verse no centro do 14 ao 29 de marzo.

14/03/2023 - 29/03/2023 | Rianxo

A exposición ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’ chega este mes ao IES Félix Muriel de Rianxo. Trátase dunha mostra coa que a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) e as súas asociacións achegan, a través da fotografía, o día a día das persoas con esta discapacidade.
 
A colección de imaxes poderá visitarse desde o 14 ata o 29 de marzo no o centro de ensino secundario de Rianxo. O horario de apertura do centro é os luns de 8:00 a 15:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e de martes a venres só polas mañás.
 
O IES Félix Muriel, ademais de ensino secundario, conta con formación profesional como 'Técnico en Atención a Persoas en Situación de Dependencia', polo que se trata dunha alianza de enorme interese para a formación de estudantes que potencialmente tratarán, durante a seu desenvolvemento profesional, con persoas con dano cerebral adquirido.
 
Proxecto ‘Punto e seguido’
 
As fotografías que compoñen a mostra, obra do fotógrafo compostelán Aigi Boga, realizáronse nas cinco asociacións que forman parte da Federación Galega de Dano Cerebral. Nas imaxes, protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, DCA Ourense e Sarela, amósase a súa vida cotiá, as actividades que realizan ou a súa convivencia, é dicir, a vida despois do “punto e seguido” tras un ictus, un traumatismo cranioencefálico, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.
 
Ademais, para acompañar a exposición, FEGADACE realizou unha serie de vídeos curtos que contan con diferentes testemuños de persoas con dano cerebral, familiares e profesionais das entidades. Son un total de sete vídeos, cunha peza principal e seis máis pequenas, que crean un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas, etc.
 
A organización da exposición conta coa colaboración do IES Félix Muriel e co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.
 
 
Lugar de celebración:

IES Félix Muriel
Rianxo

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Sensibilización
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)