Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Escola Rural de Saúde da Limia | 07/11/2023 | Sesión formativa de FEGADACE en Xinzo.

FEGADACE e a Escola Rural de Saúde da Limia asinan un convenio de colaboración

Ambas entidades suman forzas para a promoción de hábitos saudables e a capacitación sobre DCA.

07/11/2023 | Santiago de Compostela

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) e a Asociación Escola Rural de Saúde da Limia (AERSL), entidade dedicada á realización de actuacións comunitarias transversais para o benestar biopsicosocial da poboación e o seu arraigo no rural, asinaron un convenio de colaboración co obxecto de traballar conxuntamente na difusión do coñecemento sobre saúde e promoción dos hábitos saudables e, en particular, sobre dano cerebral adquirido.
 
O acordo, cun ano de vixencia, parte da confluencia de intereses na defensa e facilitación de información sobre o acceso e uso dos recursos e servizos básicos e especializados para todas as persoas do ámbito rural e procura sumar forzas para coordinar actuacións en tres grandes áreas:
 
  1. O fomento da capacitación no ámbito da promoción da saúde para a prevención do dano cerebral adquirido, os coidados de persoas dependentes, o autocoidado de coidadoras etc, a través dos programas formativos e informativos executados por cada entidade.
  2. A realización de actividades de investigación arredor do acceso aos servizos de saúde no medio rural, os coidados e outros eidos que promovan a igualdade de xénero.
  3. Impulsar a cooperación científica e técnica a través da celebración de seminarios, xornadas, cursos e conferencias sobre temas de interese común.
Ao abeiro desta colaboración e, especificamente, na liña de formación, este ano FEGADACE impartiu o curso 'Apoio no Fogar de Persoas con Dano Cerebral Adquirido en Xinzo de Limia, no que participaron 15 persoas, entre coidadoras informais e profesonais do SAF. Xa en 2022, a Federación realizou unha edición desta formación na localidade e contou coa colaboración da AERSL para a organización dun ciclo de sesións informativas sobre o DCA nos concellos de Xinzo, Porqueira, Vilar de Barrio, Sarreaus e Baltar.
 

Arquivada en:
Transparencia > Documentos corporativos
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)