Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 06/10/2020 | Estudo sobre saúde e calidade de vida das persoas coidadoras

FEGADACE estuda a repercusión do coidado informal na saúde das persoas coidadoras

Os resultados da investigación, apoiada pola Fundación Barrié e a Fundación Roviralta, publicaranse este ano.

06/10/2020 | Santiago

Este mes iniciouse o traballo de campo do estudo 'Saúde e calidade de vida das persoas coidadoras de persoas con dano cerebral', que FEGADACE promove co apoio da Fundación Barrié e da Fundación Roviralta.

A ausencia de recursos de atención ás persoas con dano cerebral (constatada por FEGADACE na primeira investigación que desenvolveu, hai dous anos) ten unha repercusión directa e inmediata: a existencia de coidado informal -é dicir, non remunerado, proporcionado a nivel doméstico. É de sobra coñecida polas asociacións de dano cerebral a sobrecarga coa que viven as familias a atención ás persoas con esta discapacidade; ademais da constatación da desigualdade de xénero existente á hora de proporcionar estes coidados.

Case sempre é unha muller, sexa esposa, filla, nai, ou mesmo sen vínculo familiar, quen asume a responsabilidade principal da atención. Unha tarefa que repercute directamente na súa calidade de vida e na súa saúde, tanto física como mental. Este estudo pretende coñecer ata onde chegan estas repercusións, para deseñar propostas que contribúan a reducir o impacto negativo que o coidado informal ten nas persoas coidadoras, así como para reducir a brecha de xénero existente nesta área.

FEGADACE volve colaborar coa consultora Retnova (que realizou o Plan Estratéxico 2020-2023 da Federación) para unha investigación que contará con case 300 entrevistas a persoas coidadoras identificadas entre a base social das asociacións federadas. As entrevistas comezaron a realizarse onte, e os resultados das conclusións extraídas do seu estudo serán publicados antes de que acabe o ano.

Arquivada en:
Proxectos > Proxectos > Investigación
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)