Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 06/04/2020 | Fragmento da portada da Memoria 2019 de FEGADACE

FEGADACE presenta a súa memoria de actividades do ano 2019

Este documento resumo do pasado ano pode descargarse no apartado de transparencia da web.

07/04/2020 | Santiago

A finais do mes de marzo foi aprobada a Memoria que resume as actividades desenvolvidas por FEGADACE no ano 2019 e as contas que permitiron a realización das mesmas. A publicación da memoria forma parte da política de transparencia da Federación Galega de Dano Cerebral e pretende achegar a toda a poboación as accións desenvolvidas cos fondos recibidos tanto de entidades públicas como privadas, así como dos fondos propios da entidade. O documento, que xa pode descargarse no apartado de 'Transparencia' da web, déixanos unha serie de datos de interese que imos a resumir nas seguintes liñas:

 1. Aumento do número de persoas socias e de profesionais

As asociacións que forman parte de FEGADACE ampliaron o seu número de socios neste ano 2019 en máis de 150 persoas, chegando a 1.893. Así mesmo, o número de profesionais superou a barreira dos cen, e situouse nas 118 persoas que traballan para mellorar a vida das 1.383 persoas con dano cerebral adquirido atendidas nas entidades.

A federación en cifras

2 Convenio coa Consellería de Política Social

A Consellería de Política Social co seu apoio a través do convenio nominativo permite que as entidades de dano cerebral galegas presten servizos para persoas con dano cerebral e as súas familias que se engloban en catro áreas: actividades básicas da vida diaria; mellora e benestar físico; lecer e inclusión; e información e orientación. No primeiro dos servizos, atendéronse a un total de 1.288 persoas co obxectivo de fortalecer a súa autonomía persoal.

Actividades para a mellora do benestar físico
 

3. Programas financiados coa asignación do IRPF

As axudas recibidas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF, e que son xestionadas pola Consellería de Política Social, facilitaron a posta en marcha de actividades para mellorar a autonomía persoal e a inclusión social das persoas con DCA e o desenvolvemento do programa de información e apoio ás familias, que atendeu a máis de 1.300 persoas.


4. Charlas nos concellos rurais de Galicia

Grazas á subvención con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF e da doazón realizada pola Obra Social Caixabank, FEGADACE desenvolveu no ano 2019 un proxecto de charlas sobre o dano cerebral adquirido nun total de 56 concellos máis rurais e máis envellecidos da xeografía galega, cunha asistencia total de 890 persoas.


5. Monetización do Valor Social de FEGADACE

Durante o ano 2019, FEGADACE traballou na medición do impacto económico e social dos servizos de atención ao DCA das asociacións e da federación, nun proxecto apoiado pola Fundación Barrié e a Fundación Roviralta. As conclusións deste estudo do retorno social está dispoñible na nosa páxina web.

6. Máis de 100 profesionais formándose na Xornada do DCA    

A Xornada sobre o DCA, á que asistiron 114 persoas, abordou a información e a toma de decisións desde a perspectiva da ética e galardonou co Premio FEGADACE-Miguel Blanco á Unidade de Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais da USC.


7. Cine e fotografía para achegar o dano cerebral

En 2019 a exposición de imaxes sobre o DCA 'Punto e Seguido' continuou percorrendo as principais cidades de Galicia, coa súa presenza en Vigo, Lugo, Santiago e Ourense. Ademais, a federación desenvolveu un ciclo de cine sobre esta discapacidade na Coruña e Santiago coa proxección de tres películas que abordan o dano cerebral desde difentes perspectivas e que contou coa asistencia de 187 persoas.

8. Curtametraxe para visibilizar as causas e consecuencias do DCA

A finais do ano 2019 a federación publicou a curtametraxe de animación 'O mundo púxose ao revés. Historias do dano cerebral adquirido', realizado polo ilustrador Miguel Gallardo e que trata de poñer en relación as causas desta discapacidade coas súas consecuencias, e que está dispoñible na canle de Youtube de FEGADACE.

9. Día do Dano Cerebral

As conmemoracións do Día do Dano Cerebral, o 26 de outubro, e do Día do Ictus, o 29, tiveron un total de 47 impactos en medios de comunicación. A federación difundiu as actividades programas polas cinco asociacións e participou no acto principal de Sarela.

10. Encontro de profesionais do movemento asociativo

77 profesionais das cinco entidades que compoñen FEGADACE formáronse en ética aplicada á intervención e nos Sistemas Alternativos e Aumentativos de Comunicación, nunha nova edición deste encontro que anualmente organiza a federación.

Arquivada en:
Transparencia > Rendición de contas
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)