Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 29/04/2019 | Portada da guía sobre o dano cerebral adquirido

FEGADACE presenta unha guía para orientar ás familias nos primeiros momentos do DCA

Xornada sobre o dano cerebral adquirido no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago o día 14 de maio.

29/04/2019 | Santiago

Un grupo de traballo composto por profesionais de diferentes disciplinas das cinco asociacións membro de FEGADACE elaborou, na segunda metade de 2018, a guía Cousas que debes saber sobre o dano cerebral adquirido cando o teu familiar está no hospital. Este proxecto puido desenvolverse grazas ao apoio da Deputación da Coruña, na súa convocatoria de subvencións do ano pasado. O documento final preséntase agora nunha xornada que vai ter lugar no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) o martes 14 de maio.

Os principais problemas cos que se atopan as familias, e tamén as propias persoas con dano cerebral, nos primeiros momentos desde que se produce a lesión (coñecidos como 'fase aguda'), son o medo ao que poida suceder, a sensación de confusión e irrealidade, e a desorientación. Saber que está pasando axuda a mitigar esa angustia. Precisamente co obxectivo paliala, e de fornecer unha información máis clara e completa ás familias nesa fase aguda, FEGADACE elaborou a guía que se presenta o día 14.

Para elaborar Cousas que debes saber sobre o dano cerebral adquirido cando o teu familiar está no hospital FEGADACE valeuse da enorme experiencia que teñen as súas asociacións na acollida ás familias ao inicio do seu proceso. O documento é breve; conta con 28 páxinas nun formato reducido e manexable. Diríxese de "ti" ás familias para aclarar as principais dúbidas detectadas polos servizos información e orientación das asociacións de dano cerebral (compostos por profesionais do traballo social e da psicoloxía-neuropsicoloxía). Ten unha estrutura de pregunta e resposta para resolver esas inquedanzas e consultas identificadas polos nosos servizos de acollida, pero tamén para informar sobre dereitos, modelo de atención e recursos dispoñibles. Cada apartado proporciona tamén referencias para afondar e atopar información máis completa.

Presentación no CHUS o día 14 de maio

Para dar a coñecer esta guía, que se distribuirá en papel e en formato dixital desde maio, FEGADACE conta coa colaboración da Xerencia de Xestión Integrada (XXI) de Santiago de Compostela para a realización dunha xornada de presentación que vai ter lugar no Salón de Actos do CHUS o martes, 14 de maio, ás 13:30.

O acto conta con tres partes fundamentais, nas que falarán profesionais do hospital, equipos técnicos das asociacións, e as persoas con dano cerebral. En concreto, trala apertura institucional, sucederanse as seguintes intervencións:

Mesa redonda: a abordaxe do dano cerebral na EOXI de Santiago (13:40)

  • José María Prieto (Xefe do Servizo de Neuroloxía do CHUS)
  • Rosa Romero (Supervisora de planta de Neuroloxía)
  • José Luis Barreiro (Traballador Social do CHUS)
  • Miguel Anxo García (Psicólogo Clínico do CHUS)

Presentación da guía (14:05)

  • Laura Ramírez (Psicóloga e Coordinadora do Centro de Día de Alento)
  • J. Antonio Fernández (Educador Social de Renacer)
  • Nerea Darriba (Terapeuta Ocupacional de ADACE Lugo)
  • Laura Segade (Traballadora Social de Sarela)

O dano cerebral en primeira persoa (14:30)

  • Amado López (Usuario de Sarela)
  • Laura Segade (Traballadora Social de Sarela)

No intre de apertura FEGADACE contará coa presenza dunha persoa representante da Deputación da Coruña e coa subdirectora de Calidade e Atención ao Paciente, Beatriz Pais, que acompañarán á directora de FEGADACE, Begoña Hermida. A XXI estará representada tamén pola súa xerente, Eloína Núñez, que vai pechar o acto.

Apoio da Deputación da Coruña

Cousas que debes saber sobre o dano cerebral adquirido cando o teu familiar está no hospital é un dos resultados do proxecto de sensibilización que FEGADACE desenvolveu o ano pasado co apoio da Deputación da Coruña. Ademais de elaborar a guía, ao longo do ano realizáronse ata 26 charlas en 23 concellos da provincia. Estas charlas foron impartidas por profesionais de ADACECO e Sarela, as asociacións de dano cerebral presentes na Coruña, e sumaron un total de 544 asistentes.

Arquivada en:
O Dano Cerebral > Fases do dano cerebral > Aguda: os primeiros momentos
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)