Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

FEGADACE solicita á Xunta a reactivación dos centros de día e ocupacionais

Constatada a situación de emerxencia terapéutica e social nos fogares con persoas con dano cerebral.

02/06/2020 | Galicia

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE), xunto coas súas cinco asociacións membro (ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela) vén de remitir un escrito á Consellería de Política Social no que lle solicita á Xunta de Galicia que "reconsidere e rectifique" a medida anunciada o pasado venres pola que se retrasa a activación dos centros de día e ocupacionais ata o 1 de setembro de 2020.
 
O movemento asociativo do dano cerebral expresa esta necesidade perante a situación de "emerxencia terapéutica e social" na que se atopan as persoas e familias con dano cerebral adquirido despois de 80 días sen actividades terapéuticas de rehabilitación e inclusión. FEGADACE e as súas asociacións constatan un "deterioro global" nas dimensións física, psicolóxica e cognitiva das 1.100 persoas con dano cerebral ás que en conxunto atenden en toda Galicia.
 
Unha situación que compromete determinantemente a autonomía e calidade de vida das persoas con dano cerebral, pero que ten repercusións tamén nas familias, que desde a declaración do Estado de Alarma e a interrupción dos servizos de atención e rehabilitación o pasado 13 de marzo, encárganse de atender nos fogares ás persoas con dano cerebral, cun custe físico e emocional altísimo.
 
Retorno seguro á actividade
 
FEGADACE e as súas asociacións levan semanas traballando nun Plan de Continxencia e en Protocolos de Actuación Específicos para a volta segura aos centros, así como aprovisionándose de EPIs e outros materiais de protección e hixiene.
 
As familias e persoas con dano cerebral representadas por FEGADACE reclaman, pois, a reapertura dos centros e, de non ser posible, que se faciliten mecanismos para que as persoas con dano cerebral e as súas familias poidan recibir os servizos e tratamentos terapéuticos necesarios de maneira ambulatoria e/ou nos seus domicilios.
 
O documento remitido á Consellería de Política Social recolle unha serie de propostas para facilitar a definición de protocolos e criterios para ese retorno.
 

Arquivada en:
Recursos de Atención > Información para a atención > COVID-19
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)