Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 27/03/2019 | Sorteo polo Día do Libro: 10 exemplares de 'Iridium'

FEGADACE sortea dez exemplares da novela 'Iridium' o 23 de abril, Día do Libro

Participa enviando un texto sobre a túa experiencia co dano cerebral adquirido a opina@fegadace.org.

27/03/2019

FEGADACE conmemora o Día do Libro sorteando dez exemplares de Iridium, a novela de Francisco Castro protagonizada por unha rapaza con dano cerebral. Participa no sorteo e recibe por correo no teu domicilio un exemplar do libro, grazas á colaboración do escritor e da editorial Galaxia.

O sorteo está aberto desde hoxe!

Quen pode participar? Calquera persoa, aínda que as menores de idade ou que teñan a capacidade de obrar modificada deberán achegar unha autorización da súa titora ou titor.

Como? Enviando un pequeno texto sobre o dano cerebral adquirido (entre 100 e 300 palabras).

Que tipo de texto? Autobiográfico, testemuñal, literario, de denuncia... O que se che ocorra, sempre que teña que ver, dalgunha maneira, co dano cerebral adquirido. Non é preciso que teñas DCA ou que o teña calquera na túa contorna: tamén podes escribir unha reflexión sobre que acabas de coñecer o dano cerebral.

Que imos facer cos textos? Compartilos na sección de Testemuños da web e nas redes sociais de FEGADACE, para achegar máis e diferentes visións da nosa discapacidade. Participando no sorteo autorizas a súa publicación.

Onde? Pódese enviar ao enderezo opina@fegadace.org ou por mensaxe directa aos nosos perfís en Facebook e Twitter.

Que prazo hai? Ata o 22 de abril, durante todo o día.

Cando se vai realizar o sorteo? O 23 de abril, Día do Libro, ás 9:00. A continuación notificarase ás persoas gañadoras e publicarase o resultado na nosa páxina web e redes sociais.

Para máis detalles, descarga aquí as bases do sorteo, e segue o hashtag #SorteoIridium.

Arquivada en:
Colabora > Testemuños
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)