Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Alento | 11/06/2021 | Grupo de validación de Lectura Fácil de Alento

FEGADACE traballa na adaptación dos contidos da súa páxina web a Lectura Fácil

Persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela están a validar os textos.

11/06/2021 | Galicia

FEGADACE está a traballar, co apoio da Fundación La Caixa e coa colaboración das persoas usuarias das súas asociacións, na adaptación dos contidos da súa web a Lectura Fácil.

Mellorar a accesibilidade e a capacidade comunicativa das persoas con dano cerebral para fomentar a inclusión son dous obxectivos do proxecto 'Comunícate comigo!'. A Federación e as súas asociacións están a desenvolvelo co apoio da Fundación e con dúas liñas de traballo: a adaptación de textos en Lectura Fácil, e a implantación de novos e variados Sistemas Aumentativos e Alternativos de Comunicación (SAACs) nos programas de rehabilitación en logopedia.

Lectura Fácil

Os contidos da web de FEGADACE en Lectura Fácil van supoñer un avance en dereitos do colectivo do dano cerebral. Por unha banda, verán mellor garantido o seu dereito de acceso á información. Polo outro, facilítase o acceso.

Para realizar a adaptación dos contidos FEGADACE contou cos servizos da Asociación Lectura Fácil, que realizou unha primeira proposta de textos que despois se foron validando a través dos grupos de lectura e validación que se constituíron nas asociacións.

As persoas con dano cerebral leron os contidos, formularon dúbidas e propuxeron alternativas ata daren coa solución óptima para garantir a comprensión de todos os conceptos expresados na web.

O labor de adaptación e validación continúa, e ao longo do verán FEGADACE poderá estrear a nova versión, máis completa e accesible, da súa páxina web.

Arquivada en:
Proxectos > Proxectos > Accesibilidade e TIC
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)