Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© cermi.es semanal | | Fragmento da entrevista no xornal dixital do CERMI Estatal

'Temos postas moitas esperanzas na nova Dirección Xeral de Atención Sociosanitaria'

Entrevista a Luciano Fernández como presidente do CERMI Galicia no xornal cermi.es semanal.

08/01/2021 | Galicia

Aínda que os tempos que corren non son precisamente os máis fáciles para asumir responsabilidades, o novo presidente de CERMI Galicia móstrase optimista, polo menos por momentos. A nova dirección xeral que se creou nesta lexislatura podería mellorar as relacións das entidades en materia sociosanitaria e iniciar un proceso de diálogo positivo e constructivo. Ao mesmo tempo, e como consecuencia da actual pandemia que segue azoutando o mundo enteiro, en Galicia existe unha inquietude importante no sector da discapacidade, tanto nas persoas usuarias dos servizos como nas propias entidades en todo o referido á viabilidade das mesmas.

Hai poucas semanas asumiu a presidencia de CERMI Galicia, unha responsabilidade máis ás que xa tiña, como a presidencia de FEDACE, por que decide dar un paso máis nesta loita desde o movemento asociativo da discapacidade?

A presidencia do CERMI Galicia asúmoa desde a miña presidencia da Federación Galega de Dano Cerebral, que forma parte de FEDACE. Ás veces non te preguntas por que fas as cousas. Hai que arrimar o ombreiro e xa está. Non buscas motivos, simplemente levantas a man e dis "se me necesitades, aquí estou".

Isto, ademais, non é un traballo dunha persoa, é e debe ser un traballo de equipo. Os triunfos son sempre colectivos, do conxunto, da colectividade. Satisfaime ademais que o apoio do resto de entidades sexa total. É moi importante ese consenso.

Que ten Galicia de característico como rexión en cuestións de discapacidade?

Quizais o que máis caracteriza a Galicia no ámbito da discapacidade sexa, por unha banda, a dispersión da poboación, con múltiples núcleos rurais, e, por outra, o envellecemento da súa poboación. Estas dúas características, ademais dunhas comunicacións se non deficitarias, si mellorables, fan que o acceso das persoas con discapacidade aos diferentes recursos e servizos resulte, en ocasións, complicado.

Cando falamos de comunicacións, entendemos non soamente o referido a comunicacións terrestres como vías de comunicación; hai que destacar tamén as comunicacións dixitais, o acceso ás novas tecnoloxías, a fenda dixital, que neste caso é moi importante, máxime nunha situación como a actual.

Cal é na actualidade a realidade á que se enfrontan as persoas con discapacidade, as entidades, no seu día a día na comunidade galega?

Como comentabamos antes, tanto as comunicacións como o envellecemento poboacional, tanto nas persoas con discapacidade como nas persoas coidadoras, unido á fenda dixital, supuxo un reto permanente para as entidades á hora de seguir prestando os servizos que necesitaban e demandaban as persoas con discapacidade.

Por outra banda existe unha inquietude importante no colectivo, tanto nas persoas usuarias dos servizos como nas propias entidades en todo o referido á viabilidade das mesmas.

Como é o nivel de interlocución cos poderes públicos e os responsables políticos?

Como resultado das últimas eleccións autonómicas, mantivéronse os niveis de interlocución coa administración, fundamentalmente nos primeiros niveis, xa que se manteñen a maioría dos e das titulares das Consellerías. Houbo cambios, fundamentalmente nos segundos niveis, cos que estamos establecendo as relacións oportunas. Existe, xa de lexislaturas anteriores, un bo nivel de entendemento no ámbito da Política Social e, como xa comentei noutras ocasións, aínda que ás veces non cheguemos a acordos, sentímonos escoitados.

Teño que dicir que noutros ámbitos, o nivel de interlocución debe mellorar. Tamén hai que destacar que a situación pandémica actual non é a mellor de todas para abrir novas canles de diálogo.

Fai apenas un mes, o CERMI Galicia, na comisión parlamentaria para a reactivación post coronavirus, agradecía a atención recibida por departamentos da Xunta como Educación e Política Social, pero lamentaba que non fora así por parte de Sanidade, que pensa facer para mellorar esta relación?

No ámbito de Política Social ou Educación, trataremos de manter a fluidez relacional que mantivemos ata agora, tratando sempre de mellorar a proactividade. No ámbito de Sanidade seguiremos intentando ser interlocutores necesarios en todos aqueles aspectos, que son moitos, que nese ámbito afectan e sonlles propios ás persoas con discapacidade e ás súas familias.

Cremos que o ámbito e a coordinación sociosanitaria non pode nin debe caer sempre ao lado do "social". Creouse nesta lexislatura unha nova Dirección Xeral, a 'Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria', na que temos postas moitas esperanzas e esperamos que sexa o punto de inflexión que permita desbloquear e iniciar un proceso de dialogo positivo e constructivo.

Unha das reclamacións do CERMI Galicia era a creación dunha Comisión Permanente da Discapacidade no Parlamento, como quedou esta cuestión tralas últimas eleccións?

Neste ámbito non houbo cambios ata onde coñecemos. Seguiremos reivindicando perante todos os grupos parlamentarios a necesidade e oportunidade da creación desa Comisión.

Entendemos que a transversalidade e especificidade dos temas que afectan ás persoas con discapacidade e ás súas familias, educación, saúde, mobilidade, vivenda, traballo, etc., son o suficientemente importantes como para ser tratados de xeito específico, tendo en conta que, ademais, o universo poblacional ao que afecta supón mais dun 10% da cidadanía.

Cales serían as outras reclamacións ou reivindicacións principais coas que traballar nun curto prazo?, e a longo prazo?

A curto prazo temos que poñer en marcha o concerto social, aprobado recentemente, así como o decreto de accesibilidade, que é necesario desenvolver canto antes.

No longo prazo, temos que seguir traballando na liña que se estivo facendo, para estar presentes en todos os ámbitos que, de forma directa ou indirecta, afecten ou concernan ás persoas con discapacidade e ás súas familias.

Como afectou a crise do COVID-19 á discapacidade en Galicia e con que apoios contaron?

Se para todas as persoas supuxo un freo ou unha parada, para as persoas con discapacidade supuxo un retroceso. O feito de non poder acceder aos distintos servizos supuxo perdas de capacidades que van ser moi difíciles de recuperar.

Nos momentos iniciais, a posta en marcha das medidas sociosanitarias creou demasiadas incertezas, supoño que normais para a poboación, pero no noso caso foi bastante duro.

En canto aos apoios, hai que recoñecer que houbo, por parte a Consellería de Política Social, unha boa interlocución; certo que con situacións de incerteza, como comentaba, pero non menos certo, que sempre había alguén alén do teléfono.

Entrevista extraída do cermi.es semanal.

Arquivada en:
Transparencia > Alianzas e plataformas > CERMI Galicia