Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 20/05/2022 | Carreira e Andaina Solidaria 'Camiñando polo Dano Cerebral'

19 de xuño: Carreira e Andaina Solidaria 'Camiñando polo Dano Cerebral'

FEGADACE organiza esta proba para sensibilizar sobre o dano cerebral e promover uns hábitos de vida saudable.

31/05/2022 | Santiago

A Federación Galega de Dano Cerebral continúa este ano coa liña de promoción duns hábitos de vida saudable a través da organización de actividades deportivas. A próxima cita vai ser o domingo, 19 de xuño, en Santiago de Compostela, coa Carreira e Andaina Solidaria 'Camiñando polo dano cerebral'.

A cita deportiva, que ofrece a posibilidade de participar correndo ou camiñando, consiste nun circuíto que vai percorrer sendeiros e rúas da Alameda e do Campus Sur compostelán. O percorrido exacto, así como as demais condicións e normas de participación, pódese consultar no regulamento da carreira. Esta comeza ás 10:00 no punto de saída e meta: o monumento a Manuel Ventura Figueroa (Avenida Antonio Raimundo Ibáñez, Campus Sur). A inscrición está aberta en www.carreirasgalegas.org ata o xoves 16 de xuño ás 23:59 hh. coas seguintes modalidades:
 
  1. Carreira: 4,6 km | 12 euros | Inicio ás 10:00. Dirixida a maiores de 18 anos. Haberá entrega de trofeos, realizados polas persoas con dano cerebral adquirido nas asociacións de FEGADACE, para os/as tres primeiros/as atletas, nas categorías feminina e masculina.
  2. Andaina: 4,6 km | 6 euros | Inicio ás 11:00. Para maiores de 16 anos ou menores acompañados/as dunha persoa adulta.
Para as persoas que queiran colaborar pero non poidan participar, é posible achegar unha doazón ao Dorsal Cero.
 
O evento comeza ás 9:15 coa apertura das mesas de dorsais e do servizo de gardarroupa. Aínda que se dispoñibiliza a entrega excepcionalmente a entrega de dorsais o mesmo domingo ata as 9:45, esta realizarase preferentemente o sábado 18 de xuño de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 na Clínica Médica E-Saúde (Rúa Alfredo Brañas, 27 - Santiago de Compostela).
 
Cos dorsais farase entrega dunha camiseta conmemorativa. Haberá avituallamento sólido e líquido para todas as persoas participantes ao seu paso pola liña de meta.
 
FEGADACE colabora na organización coa Sociedade Deportiva Compostela-Tambre-Lengüelle e o centro Encuentra tu Potencial, e conta co apoio da Federación Galega de Atletismo e o Concello de Santiago de Compostela. Ademais, máis de dúas ducias de empresas e entidades patrocinan e/ou apoian de diferentes maneiras.

A Federación Galega de Dano Cerebral xa organizou o ano pasado un Trail e Andaina Solidaria, e ten previsto promover máis actividades deportivas ao longo de 2022. A promoción duns hábitos de vida saudable é unha prioridade para FEGADACE, principalmente por dous motivos:
 
  1. A prevención do dano cerebral adquirido, xa que a práctica de exercicio, unha dieta equilibrada e, en definitiva, unha vida sa, axudan a evitar o ictus. Esta é a principal causa do dano cerebral, e conta entre os seus factores de risco coa obesidade, o sedentarismo, a diabetes ou o estrés.
  2. A prevención de situacións de dependencia, ou de que estas se agudicen, no caso das persoas con dano cerebral adquirido. Un bo ton físico axuda a manter a autonomía persoal e reforzar a autoestima.
 
Segue toda a información en #PoloDanoCerebral!

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Prevención
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)