Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 08/06/2022 | O presidente de FEGADACE e a concelleira de Deportes de Santiago

FEGADACE organiza o 19 de xuño en Santiago a Carreira e Andaina #PoloDanoCerebral

O presidente da Federación animou a toda a poboación compostelá a participar por esta causa solidaria.

08/06/2022 | Santiago

“Camiñar polo dano cerebral” é mirar polos demais, chamando a atención sobre a situación do colectivo de persoas con esta discapacidade, e coidarse a un mesmo, practicando exercicio para manter uns hábitos saudables que nos protexan do ictus. Así o manifestou esta mañá o presidente de FEGADACE, Luciano Fernández, na rolda de prensa de presentación da Carreira e Andaina Solidaria ‘Camiñando Polo Dano Cerebral’, que vai ter lugar o domingo 19 de xuño en Santiago de Compostela.
 
Luciano Fernández estivo acompañado na presentación pola concelleira de Deportes de Santiago de Compostela, Esther Pedrosa, que recoñeceu o labor do movemento asociativo do dano cerebral adquirido e uniuse ao chamado do presidente para que a cidadanía se inscriba e participe na carreira ou na andaina. Salientou tamén o compromiso da cidade co deporte e coa súa asociación a uns hábitos de vida saudables.
 
Con esta actividade a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) continúa coa súa liña de promoción duns hábitos de vida saudable a través da organización de actividades deportivas. A práctica de exercicio físico é fundamental para evitar o sedentarismo e a obesidade, así como para reducir os niveis de estrés. Todos estes son condicionantes que constitúen factores de risco do ictus, a principal causa do dano cerebral adquirido.
 
‘Camiñando Polo Dano Cerebral’ por Compostela
 
A cita deportiva, que ofrece a posibilidade de participar correndo ou camiñando, consiste nun circuíto que vai percorrer sendeiros e rúas da Alameda e do Campus Sur compostelán. O percorrido exacto, así como as demais condicións e normas de participación, pódese consultar no regulamento da carreira. Esta comeza ás 10:00 no punto de saída e meta: o monumento a Manuel Ventura Figueroa (Avenida Antonio Raimundo Ibáñez, Campus Sur).
 
A inscrición está aberta en www.carreirasgalegas.org ata o xoves 16 de xuño ás 23:59 hh. coas seguintes modalidades:
 
  1. Carreira: 4,6 km | 12 euros | Inicio ás 10:00. Dirixida a maiores de 18 anos. Haberá entrega de trofeos, realizados polas persoas con dano cerebral adquirido nas asociacións de FEGADACE, para os/as tres primeiros/as atletas, nas categorías feminina e masculina.
  2. Andaina: 4,6 km | 6 euros | Inicio ás 11:00. Para maiores de 16 anos ou menores acompañados/as dunha persoa adulta.
Para as persoas que queiran colaborar pero non poidan participar, é posible achegar unha doazón ao Dorsal Cero.
 
O presidente de FEGADACE aproveitou o acto para agradecer a súa implicación ás entidades que colaboran na organización, a Sociedade Deportiva Compostela-Tambre-Lengüelle e o centro Encuentra tu Potencial. Tamén á Federación Galega de Atletismo, ao Concello de Santiago de Compostela e á Consellería de Política Social. Luciano Fernández lembrou por último ás máis de dúas ducias de empresas e entidades patrocinan e/ou apoian de diferentes maneiras, e que se poden ver no cartel da carreira e andaina solidaria.
 
O evento comeza ás 9:15 coa apertura das mesas de dorsais e do servizo de gardarroupa. Aínda que se dispoñibiliza a entrega excepcionalmente a entrega de dorsais o mesmo domingo ata as 9:45, esta realizarase preferentemente o sábado 18 de xuño de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 na Clínica Médica E-Saúde (Rúa Alfredo Brañas, 27 - Santiago de Compostela).
 
Cos dorsais farase entrega dunha camiseta conmemorativa. Haberá avituallamento sólido e líquido para todas as persoas participantes ao seu paso pola liña de meta. Tanto a camiseta como o avituallamento entregaranse ás persoas participantes na carreira e ás que acoden á andaina.
 
Deporte e dano cerebral adquirido
 
A Federación Galega de Dano Cerebral xa organizou o ano pasado un Trail e Andaina Solidaria, e ten previsto promover máis actividades deportivas ao longo de 2022. A promoción duns hábitos de vida saudable é unha prioridade para FEGADACE, principalmente por dous motivos:
 
  1. A prevención do dano cerebral adquirido, xa que a práctica de exercicio, unha dieta equilibrada e, en definitiva, unha vida sa, axudan a evitar o ictus. Esta é a principal causa do dano cerebral, e conta entre os seus factores de risco coa obesidade, o sedentarismo, a diabetes ou o estrés.
  2. A prevención de situacións de dependencia, ou de que estas se agudicen, no caso das persoas con dano cerebral adquirido. Un bo ton físico axuda a manter a autonomía persoal e reforzar a autoestima.
 
Segue toda a información en #PoloDanoCerebral!

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Prevención
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)