Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 15/10/2021 | Curso para o persoal dos Servizos de Axuda no Fogar

FEGADACE estrea escola online cun curso para persoal dos Servizos de Axuda no Fogar

A formación ten unha duración de 18 horas e comeza o 2 de novembro; a inscrición, de balde, está aberta.

15/10/2021 | Online

FEGADACE estrea a súa Escola Dano Cerebral online cun curso sobre 'Atención no fogar de persoas con dano cerebral adquirido'. A actividade formativa ten unha duración de 18 horas e comeza o martes 2 de novembro. É gratuíta e ten prazas limitadas. A inscrición está xa aberta.
 
MATRICÚLATE AQUÍ
 
Trátase dunha actividade formativa ideada para capacitar a traballadoras e traballadores responsables da atención e coidado no fogar de persoas con dano cerebral -especialmente persoal dos Servizos de Axuda no Fogar dos concellos- nas necesidades específicas desta discapacidade. Veranse aspectos como a propia identificación do dano cerebral, e pautas e recomendacións sobre comunicación, alteracións cognitivas e condutuais, cambios posturais, alimentación, intimidade, hixiene ou tempo libre.

Esta formación foi elaborada por un grupo de traballo multidisciplinar de profesionais das cinco asociacións de FEGADACE. Tomando como punto de partida a guía Cousas que debes saber sobre o dano cerebral adquirido cando o teu familiar está no hospital, o equipo de traballo ampliouse con máis perfís implicados na rehabilitación integral do dano cerebral para achegar ás persoas coidadoras un curso que lles vai facilitar a abordaxe do seu labor nos domicilios.

Coñecer mellor que precisa ou como intervir cunha persoa con dano cerebral vai ser garantía dunha atención máis efectiva, que mellore tamén a experiencia da persoa coidadora para o seu autocoidado. Intervir correctamente nunha transferencia ou estar familiarizada con como alimentar a unha persoa con disfaxia, por exemplo, mellorarán a atención no fogar, e tamén o rendemento e as condicións de traballo da profesional auxiliar de axuda a domicilio.

O curso tamén está aberto a outras persoas implicadas na atención formal -en servizos de axuda a domicilio ou centros non especializados en dano cerebral- e informal -familiares e coidadores/as- de persoas con dano cerebral.

TEMARIO
 
  1. Detección do dano cerebral.
  2. Pautas para avaliar a evolución da persoa con dano cerebral.
  3. Comunicación coa persoa con dano cerebral e habilidades comunicativas.
  4. Alteracións cognitivas e condutuais.
  5. Transferencias e cambios posturais.
  6. Alimentación, deglutición e medicación.
  7. Tratamento da intimidade e da privacidade.
  8. Hixiene, curas e prevención de úlceras.
  9. Acompañamento no tempo libre e actividades de lecer.
 

Escola Dano Cerebral

 
Esta é primeira actividade formativa que impulsa FEGADACE para estrear a súa Escola Dano Cerebral, unha ferramenta online a través da que se irá programando formación especializada para a atención e reflexión sobre esta discapacidade. Trátase dun proxecto desenvolvido co apoio da Deputación da Coruña, no que colabora tamén a Consellería de Política Social.
 
Consulta aquí a Guía Pedagóxica do curso, que inclúe o temario máis desenvolvido e outros datos de relevancia.

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Formación
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)