Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Galipedia | 27/01/2020 | Hospital Universitario Lucus Augusti

A creación da Unidade de Ictus do HULA chegará á Valedora do Pobo

A Plataforma en Defensa da Sanidade do HULA continúa a reclamar a creación deste servizo no complexo.

27/01/2020 | Lugo

A Plataforma en Defensa da Sanidade e das Especialidades do Hospital Universitario Lucus Augusti continúa a reclamar a creación dunha unidade de ictus no complexo lucense, que continúa paralizada. Este servizo, co que xa contan os hospitais da Coruña, Santiago e Pontevedra, é fundamental para a detección e o tratamento precoz dos accidentes cerebrovasculares, coa conseguinte redución da mortalidade e unha garantía na recuperación dos pacientes. Destacan desde a plataforma que en Galicia hai 10.000 casos de ictus ao ano (1.200 en Lugo) e que coa dispersión e o envellecemento poboacional supón un alto risco na mesma.

Esta plataforma, promovida desde a Federación Veciñal lucense, vai solicitar á Valedora do Pobo para que interveña, co obxectivo de conseguir a implantación desta unidade no menor tempo posible. Ademais indican que a totalidade dos profesionais da neuroloxía piden que o 100% da poboación galega teña acceso a unha unidade de ictus e, polo menos, contar cunha en cada provincia galega. Na súa reclamación, a plataforma considera que a unidade tería que contar cun neurólogo de servizo durante as 24 horas do día; un neuroradiólogo para o diagnóstico e o tratamento; un equipo de enfermaría; unha unidade de camas específicas para o ictus; unha dotación de monitorización neurolóxica; un servizo de rehabilitación especifico; protocolos de acceso rápido e preferente ao hospital e acceso a TAC e resonancias de urxencia.

A Federación Galega de Dano Cerebral e, en concreto, ADACE Lugo, xa veñen reclamando desde hai varios anos a creación desta unidade, dada a demostración de que este servizo reduce a mortalidade, as secuelas, a discapacidade e a estancia media hospitalaria, polo que os beneficios deste investimento resultan moi importantes tanto a nivel humano como económico.

 

Información extraída de La Voz de Galicia
 

Arquivada en:
Demandas do Colectivo > Necesidades do colectivo