Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Alento | 31/03/2021 | Actividade financiada grazas á X Solidaria

Autonomía, mobilidade e información grazas ás contribuíntes que marcan a X Solidaria

En 2020 beneficiáronse dos oito programas para o dano cerebral de FEGADACE máis de 5.000 persoas.

08/04/2021 | Galicia

Marcar a X Solidaria ten unha tradución real na vida das persoas que, por un ou outro motivo, están nunha situación de vulnerabilidade. Por exemplo, as persoas con dano cerebral adquirido e as súas familias. Grazas a todos e todas as contribuíntes que marcaron o cadro de Fins Sociais na declaración de IRPF de 2019, en 2020 FEGADACE e as súas asociacións puideron desenvolver oito programas cos que chegaron a máis de 5.000 persoas. foron son seguintes:

1. Programa de Autonomía e Atención Terapéutica.
O obxectivo principal é contribuír á máxima recuperación funcional e autonomía persoal intentando recuperar na medida do posible os déficits instalados na persoa tralo dano cerebral, para que mellore directamente a calidade de vida das persoas con dano cerebral e, indirectamente, a das súas familias.
289 persoas usuarias directas.

2. Programa de Autonomía e Inclusión Social.
Desenvolvemento de capacidades a través de actividades de lecer e promoción da inclusión social mediante a participación en actividades comunitarias. En 2020 foi un ámbito moi afectado polas restricións derivadas das medidas para o control da COVID19, debido a que a maioría implican a realización grupal e con interaccións persoais.
191 persoas usuarias directas.

3. Dano Cerebral Adquirido. Promove, entende, actúa.
Programa destinado á sensibilización e prevención do dano cerebral adquirido que inclúe a edición de materiais gráficos (folletos, vídeos...), xornadas divulgativas, charlas, etc.; cos obxectivos de incrementar o coñecemento social desta discapacidade, tanto a nivel cuantitativo -que toda a cidadanía sexa consciente da existencia do dano cerebral- como cualitativo -xerando coñecemento a través da alianza con diferentes colectivos profesionais implicados na atención ás distintas fases do dano cerebral; en concreto, en 2020 traballouse coa Sociedade Galega de Neuroloxía, a SOGARMEF, e a Unidade de Odontoloxía para Persoas con Necesidades Especiais-.
O número total de persoas beneficiarias e usuarias directas deste programa estímase en torno a 3.708, que participaron e/ou recibiron información no marco de todas as actividades desenvolvidas.

4. Promoción da mobilidade e accesibilidade.
Servizo de transporte adaptado para garantir a autonomía das persoas con dano cerebral con respecto ás súas familias para acudir aos centros de atención especializada; con especial atención ás persoas en situación de emerxencia social.
75 persoas usuarias directas.

5. Programa de Respiro Familiar.
Actividades de respiro dirixidas, por unha banda, a garantir o descanso, goce do lecer e axuda mutua das persoas coidadoras e, por outra banda, a facilitar oportunidades de lecer ás persoas con dano cerebral cuxas secuelas non lles permiten facelo de forma autónoma.
17 persoas usuarias directas.

6. Programa de Información e Apoio.
Preténdese mellorar a continuidade asistencial da atención sociosanitaria trala alta hospitalaria a través de accións formativas e informativas, para facilitar pautas de intervención útiles, recibir información personalizada e profesional, e así empoderar ás familias e contorno social da persoa con dano cerebral.
585 persoas usuarias directas.

7. Programa de investimento en equipamentos.
Mellora estrutural dos recursos de atención ao dano cerebral a través da adquisición de equipamentos técnicos e terapéuticos. As circunstancias sanitarias do 2020 levaron tamén á adquisición de materiais de protección e adaptación dos espazos de traballo segundo o Plan de Continxencia Marco fronte á COVID-19 dos centros de atención ao dano cerebral en Galicia.
221 persoas usuarias directas.

8. Programa de investimento en vehículos.
En 2020 púxose en marcha do servizo de transporte adaptado na provincia de Lugo, coa adquisición dun vehículo por parte de ADACE Lugo.
20 persoas usuarias directas.

En 2021 son dez os programas que desenvolvemos grazas ao financiamento obtido a través do 0,7% solidario da campaña do IRPF de 2021. Comeza agora unha nova campaña, da que dependerá a atención que poden recibir, en 2022, as persoas con dano cerebral adquirido. Este é un ano de especial importancia, marcado pola pandemia da COVID-19, no que as desigualdades se fixeron aínda maiores, e no que destinar o 0,7% a fins sociais é aínda máis importante. Marca a X Solidaria na túa declaración e axúdanos a seguir. É unha emerxencia solidaria.

#emerXenciaSolidaria

Arquivada en:
Transparencia > Alianzas e plataformas > X Solidaria
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)