Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Axenda

© FEGADACE | 12/09/2022 | Exposición 'Punto e seguido' na Estrada

FEGADACE e o centro de saúde da Estrada colaboran coa exposición 'Punto e seguido'

A colección de fotografías poderá visitarse de luns a venres do 22 de setembro ao 9 de outubro.

22/09/2022 - 09/10/2022 | A Estrada

A información sobre o dano cerebral adquirido volve á Estrada pola man da colaboración entre o Centro de Saúde e a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). Unha das principais liñas de actuación da Federación é a información, co obxectivo de dar a coñecer a realidade das persoas con dano cerebral, pero tamén de axudar a previr esta discapacidade, que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia.
 
A exposición ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’ poderá verse no Centro de Saúde da Estrada (Avenida Benito Vigo, 110) desde o 22 de setembro ata o 9 de outubro. O horario de apertura é de 08:00 a 21:00 horas, de luns a venres.
 
FEGADACE e o Centro de Saúde da Estrada asinaron en xullo un acordo de colaboración para fomentar a prevención e o coñecemento do dano cerebral adquirido a través de actividades de formación e sensibilización.
 
Proxecto ‘Punto e seguido’
 
As fotografías que compoñen a mostra, obra do fotógrafo compostelán Aigi Boga, realizáronse nas cinco asociacións que forman parte da Federación. Nas imaxes, protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela, amósase a súa vida cotiá, as actividades que realizan ou a súa convivencia, é dicir, a vida despois do “punto e seguido” tras un ictus, un traumatismo cranioencefálico, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.
 
Ademais, para acompañar a exposición, FEGADACE realizou unha serie de vídeos curtos que contan con diferentes testemuños de persoas con dano cerebral, familiares e profesionais das entidades. Son un total de sete vídeos, cunha peza principal e seis máis pequenas, que crean un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas, etc.
 
A organización desta actividade conta coa colaboración do Centro de Saúde e co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.
 
 
Lugar de celebración:

Centro de Saúde da Estrada
(Avenida Benito Vigo, 110)

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Sensibilización
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)