Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Axenda

© FEGADACE | 22/06/2022 | Exposición en Silleda

FEGADACE e o Concello de Silleda colaboran coa exposición 'Punto e seguido'

As fotografías poderán visitarse do 28 de xuño ao 12 de xullo no Centro Social dos Maiores.

28/06/2022 - 12/07/2022 | Silleda

A información sobre o dano cerebral adquirido volve a Silleda pola man da colaboración entre o Concello e a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). Unha das principais liñas de actuación da Federación é a información, co obxectivo de dar a coñecer a realidade das persoas con dano cerebral, pero tamén de axudar a previr esta discapacidade, que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia.
 
A exposición ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’ poderá verse no Centro Social dos Maiores de Silleda (Rúa da Chousa Nova, 67) desde o 28 de xuño ata o 12 de xullo. O horario de apertura é de 08:00 a 14:00 horas os luns; de 08:00 a 14:00 e de 15:30 a 19:30 de martes a venres; e de 19:00 a 23:00 os sábados e domingos.
 
FEGADACE e o Concello de Silleda xa colaboraron este mes coa organización dun obradoiro formativo dirixido ao persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), no que as persoas coidadoras recibiron formación específica para a atención ás persoas usuarias que teñen dano cerebral adquirido.
 
Proxecto ‘Punto e seguido’
 
As fotografías que compoñen a mostra, obra do fotógrafo compostelán Aigi Boga, realizáronse nas cinco asociacións que forman parte da Federación. Nas imaxes, protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela, amósase a súa vida cotiá, as actividades que realizan ou a súa convivencia, é dicir, a vida despois do “punto e seguido” tras un ictus, un traumatismo cranioencefálico, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.
 
Ademais, para acompañar a exposición, FEGADACE realizou unha serie de vídeos curtos que contan con diferentes testemuños de persoas con dano cerebral, familiares e profesionais das entidades. Son un total de sete vídeos, cunha peza principal e seis máis pequenas, que crean un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas, etc.
 
A organización desta actividade conta coa colaboración do Concello e co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.
 
Lugar de celebración:

Centro Social dos Maiores de Silleda
(Rúa da Chousa Nova, 67)
 
Horario:
Luns: 08:00 a 14:00
Martes a venres: 08:00 a 14:00 e 15:30 a 19:30
Sábados e domingos: 19:00 a 23:00

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Sensibilización
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)