© Alento | 11/09/2023 | Sesión individual de escalada nas instalacións da asociación viguesa.
Alento desenvolve un taller de escalada adaptada para persoas con dano cerebral
A actividade, que conta con 30 participantes, insírese dentro das accións da área de calidade de vida.
Alento está desenvolver un obradoiro de escalada adaptada ás necesidades e capacidades das persoas con dano cerebral. A actividade, na que se involucran 30 persoas, iniciouse no mes de maio e insírese dentro das accións de desenvolvemento persoal da área de calidade de vida da asociación. A súa introdución no plan de actividades orientadas aque as persoas participantes desenvolven dun xeito proactivo as súas habilidades, talentos e virtudes baséase no carácter motivador e desafiante da escalada, especialmente no relativo á mellora da autonomía personal e da independencia.
En concreto, desde a perspectiva do benestar físico, grazas a que a escalada supón un exercicio que involucra practicamente todos os músculos do corpo, contribúe a mellorar a flexibilidade e a postura corporal; incrementar a capacidade cardiovascular, o equilibrio e a coordinación, acrecentar a resistencia e a forza, así como traballar a priocepción. Igualmente, desde o punto de vista da saúde mental, este deporte reporta numerosos beneficios, como a mellora da autoconfianza e a capacidade de toma de decisións, ademais de fomentar o espírito de superación e a autodeterminación.
Dirixida por Joel Rodríguez Carracedo, profesor da Escola Galega de Alta Montaña e árbitro nacional de Escalada pola Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada (FEDME), a actividade lévase adiante a través de sesións grupais nun rocódromo e de sesións individuais nas instalacións do centro de día de Alento, onde existe un espazo adaptado para o deporte. A posibilidade de practicalo no propio centro permite que o monitor, así como o equipo de fisioterapia e terapia ocupacional que colabora, poidan axudar e asesorar ás personas usuarias dunha maneira máis personalizada, detectando as súas necesidades e perfeccionando a súa técnica.