Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 25/05/2021 | Giuseppe Scassa (esq.), director da Caixabank Store Compostela, e Luciano Fernández (der.), presidente de FEGADACE

A Fundación La Caixa afianza o seu compromiso coas persoas con dano cerebral

A oficina Store Compostela realiza unha doazón de 5.000 euros a FEGADACE para reducir a fenda dixital.

25/05/2021 | Santiago

O presidente de FEGADACE, Luciano Fernández, e o director da oficina Caixabank Store Compostela, Giuseppe Scassa, asinaron na oficina santiaguesa a doazón pola que a entidade bancaria achegará á Federación Galega de Dano Cerebral un total de 5.000 euros. Con esta doazón consolídase a relación de confianza entre as entidades e fortalécese o apoio da Fundación “la Caixa” e CaixaBank ás persoas con dano cerebral adquirido e ás súas familias.
 
Ademais das convocatorias de axudas a proxectos sociais, a Fundación “la Caixa” realiza doazóns directas a entidades a través das súas oficinas. Esta é a quinta ocasión na que a oficina Caixabank Store Compostela colabora con FEGADACE desde que lle fixera a primeira doazón en 2017. As axudas ao longo destes cinco anos ascenderon a 32.000 euros.
 
Estas achegas económicas téñense empregado para financiar diferentes proxectos destinados ás persoas e familias con dano cerebral. O ano pasado, dada a excepcionalidade da situación sanitaria, a oficina compostelá realizou unha achega extraordinaria para a adquisición de materiais hixiénicos e de protección fronte á COVID-19. A doazón que chega agora vaise destinar ao programa Stop Fenda Dixital.
 
Stop Fenda Dixital é un programa que tamén garda relación coa pandemia porque as medidas de control da mesma puxeron de manifesto e aumentaron a devandita fenda entre as persoas e familias das asociacións de FEGADACE. Mediante o programa vaise crear un banco de préstamo de recursos dixitais (portátiles, smartphones, sistemas de conexión á internet...), coa opción de doazón para as familias en situación de emerxencia social, e vaise desenvolver un ciclo formativo para o desenvolvemento de competencias dixitais (conexión a videoconferencias, uso de sistemas de mensaxería, realización de trámites en liña...) destinado tanto ás persoas con dano cerebral como ás súas coidadoras e coidadores.
 

Arquivada en:
Transparencia > Financiadores
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)