Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 14/06/2018 | Asistentes ao Encontro de Profesionais de FEGADACE

Os equipos profesionais fórmanse en calidade de vida e DCA

Asistiron 66 persoas das cinco asociacións e da Federación.

20/06/2018 | Santiago de Compostela

 Un total de 66 membros dos equipos profesionais de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer, Sarela e FEGADACE participaron o sábado 9 de xuño nun encontro formativo sobre calidade de vida e dano cerebral adquirido. A xuntanza tivo lugar nas instalacións de Sarela, en Santiago de Compostela.

O Encontro de Profesionais de FEGADACE iniciouse ás 10:00 cunha charla de Alba Aza, investigadora do INICO (Instituto Universitario de Integración na Comunidade), dependente da Universidade de Salamanca. O INICO desenvolveu e presentou a primeiros deste ano a Escala CAVIDACE, que serve para medir a calidade de vida en persoas con dano cerebral adquirido. Alba Aza realizou unha presentación da metodoloxía e da formulación teórica da escala.

A continuación, a coordinadora do centro de día de Alento, Laura Ramírez, e o director da asociación, Gonzalo Mira, realizaron unha intervención na que presentaron a aplicación da escala e do modelo de atención baseado na calidade de vida na súa entidade. Alento leva anos implicada no desenvolvemento e pilotaxe da Escala CAVIDACE. A exposición de Laura e Gonzalo centrouse nos criterios que empregan para aplicar o modelo e nos problemas que se levan atopado desde que decidiron removar todo o seu sistema de atención.

Tras un pequeno descanso, sete profesionais de Alento e a investigadora Alba Aza moderaron oito grupos de traballo nos que se afondou nas dimensións da calidade de vida sobre as que se estrutura a escala CAVIDACE, sempre desde o punto de vista da aplicación no día a día das asociacións de DCA:

  1. benestar emocional
  2. relacións interpersoais
  3. benestar material
  4. desenvolvemento persoal
  5. benestar físico
  6. autodeterminación
  7. inclusión social
  8. dereitos

Para esta sesión creáronse grupos de traballo nos que se mesturaron profesionais de diferentes disciplinas e asociacións. Para rematar a xornada, a totalidade de asistentes volveron reunirse en sesión plenaria para compartir tres breves conclusións por cada grupo de traballo. Por último, os e as profesionais das asociacións tiveron a oportunidade de participar nun xantar conxunto, tamén nas instalacións de Sarela.

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Formación
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)