Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 17/07/2018 | Cartel da exposición 'Punto e seguido' en Ourense

A exposición fotográfica 'Punto e seguido' chega a Ourense o 31 de agosto

Poderá visitarse no espazo El Cercano (Rúa Cardenal Quevedo, 20) ata o 21 de setembro.

17/07/2018 | Ourense

A exposición 'Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido', coa que FEGADACE e as súas asociacións achegan, a través da fotografía, unha aproximación ao día a día desta discapacidade, chega o venres 31 de agosto a Ourense. A mostra poderá visitarse ata o 21 de setembro no espazo El Cercano (Rúa Cardenal Quevedo, 20), amablemente cedido para a ocasión, de luns a venres en horario de 16:00 a 22:00.

Acto de inauguración

O acto de inauguración vai ter lugar o 31 de agosto ás 19:30. Van intervir a presidenta de Renacer (Asociación de Dano Cerebral de Ourense), Dolores Quintas, e o alcalde da cidade, Jesús Vázquez.

Ademais da exhibición das 30 fotografías que compoñen a mostra, no acto vaise poder ver o vídeo campaña dedicado a Renacer, no que interveñen Samuel Quintas (usuario da asociación), Dolores Quintas (presidenta e familiar dunha persoa con DCA) e Jose Antonio Fernández (educador social da entidade).

Proxecto 'Punto e seguido'

A colección de imaxes, do fotógrafo compostelán Aigi Boga, realizouse nas cinco asociacións membro da Federación Galega de Dano Cerebral. Están protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO (A Coruña), ADACE Lugo, Alento (Vigo), Renacer (Ourense) e Sarela (Compostela), que amosan a súa vida cotiá, as actividades que desenvolven, os ratos de descanso, a convivencia... en definitiva, a vida despois do “punto e seguido” que constitúen un ictus, un accidente, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.

Acompañando á exposición, FEGADACE elaborou unha serie de curtametraxes -a principal, e unha serie de vídeos de cada asociación-. Creadas por Edición Rusa, contan con diferentes testemuños de persoas con DCA, familiares e profesionais das asociacións. Xuntos constrúen un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral adquirido: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas...

Ambos os dous materiais foron elaborados co apoio da Deputación da Coruña. Para a organización da exposición contouse, ademais, coa colaboración da Fundación La Caixa.

Percorrido da exposición

'Punto e seguido' puido verse con anterioridade en Santiago -entre marzo e abril- e na Coruña -entre maio e xuño-. Tralo parón do verán, a mostra volve a Ourense o último día de agosto. Está previsto que, máis adiante, se expoña en Vigo e Lugo. Proximamente iranse anunciando as datas e salas nas que se poderá visitar.

#puntoeseguido

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Sensibilización
Recursos de Atención > Mapa de recursos > DCA Ourense