Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

Proxección da película 'Campeones' para as persoas usuarias de Renacer

Actividade incluída no programa de lecer da asociación de dano cerebral de Ourense.

18/09/2018 | Ourense

O cine é unha das actividades máis demandadas polas persoas usuarias da asociación de DCA de Ourense, Renacer. Por iso, dentro do programa de lecer da entidade, a semana pasada tiveron a oportunidade de ver a película Campeones, de Javier Fesser (2018).

Campeones é unha comedia na que a igualdade de dereitos e oportunidades é protagonista grazas á lección que un grupo de persoas con discapacidade intelectual ensinan ao protagonista. Este é un adestrador de baloncesto que se ve obrigado a realizar un servizo comunitario consistente en facerse cargo do equipo 'Los amigos', integrado por persoas con diferentes discapacidades. O que comeza con desgusto por parte do adestrador, convértese ao longo da trama nunha historia de aprendizaxe na que son os membros do equipo quen aleccionan en humanidade e respecto ao protagonista.

O éxito do filme fixo que fora escollido como representante de España nos premios Oscar 2019, na categoría de película de fala non inglesa.

Os usuarios e usuarias de Renacer gozaron da proxección no Salón de Actos do CIS Aixiña (onde a asociación ten a súa sede) na tarde do 12 de setembro. O programa de lecer, no que se integra a actividade, está destinado a favorecer a inclusión social e a igualdade de acceso e oportunidades das persoas con DCA de Ourense.

Arquivada en:
Recursos de Atención > Mapa de recursos > DCA Ourense