Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Miguel Ángel Verdugo | 21/09/2018 | Miguel Ángel Verdugo, catedrático e director do INICO

Miguel Ángel Verdugo abordará a calidade de vida no DCA cun enfoque multidimensional

Catedrático de Psicoloxía da Discapacidade na USAL e director do INICO, participa na Xornada sobre o DCA.

21/09/2018 | Santiago de Compostela

O catedrático de Psicoloxía da Discapacidade da Universidade de Salamanca, Miguel Ángel Verdugo, vai ser o encargado de ofrecer a primeira das intervencións da Xornada sobre o DCA, que FEGADACE organiza o vindeiro 29 de setembro. Achegará a súa experiencia investigadora para ofrecer a conferencia 'Calidade de vida en dano cerebral: Un enfoque multidimensional'.

Verdugo é o director do Instituto Universitario de Integración na Comunidade (INICO), institución que elaborou a recén presentada Escala CAVIDACE, que se emprega para medir a calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido. Na elaboración desta ferramenta colaboraron diferentes entidades de FEDACE, entre elas, Alento, a asociación de DCA de Vigo.

O profesor dirixe ademais o Servizo de Información sobre Discapacidade da Junta de Castilla y León e a Universidade de Salamanca e o ‘Mestrado en Integración de Persoas con Discapacidade. Calidade de Vida’, organizado pola Universidade de Salamanca e Plena Inclusión. É tamén responsable da revista científica ‘Siglo Cero’ desde o ano 1993.

O enfoque multidimensional para abordar a calidade de vida é tamén no que se basea a Escala CAVIDACE. Establece diferentes áreas desde as que se mide o benestar da persoa con DCA a través de múltiples preguntas. Estas áreas ou dimensións serían o benestar emocional, as relacións interpersoais, o benestar material, o desenvolvemento persoal, o benestar físico, a autodeterminación, a inclusión social e o exercicio de dereitos.

Trátase dun punto de vista innovador porque supera a tradicional identificación entre benestar e saúde, complexizando o a idea de estar ben en función das devanditas dimensións. Permite, ademais, comparar o benestar da persoa con dano cerebral co das persoas sen discapacidade.

Miguel Ángel Verdugo conta cunha dilatada experiencia nas áreas de calidade de vida, de discapacidade ou de ferramentas de avaliación. Como profesor é habitualmente convidado a universidades e congresos en diferentes países e foi premiado en numerosas ocasións.

Inscrición na XornadaDCA
Programa completo

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Divulgación de coñecemento
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)