Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Francisco Castro | 21/09/2018 | O escritor Francisco Castro

Francisco Castro presenta a novela Iridium na Xornada sobre o dano cerebral adquirido

O acceso e desfrute da cultura tamén condicionan a calidade de vida, que centra o encontro do día 29.

26/09/2018 | Santiago de Compostela

Francisco Castro é escritor e director xeral da Editorial Galaxia. Leva publicadas 21 obras, moitas delas premiadas e traducidas, tocando diferentes xéneros. Este mes de setembro acaba de lanzar, colaborando con FEGADACE e Alento, a novela xuvenil Iridium, que está protagonizada por unha moza que ten dano cerebral adquirido. A presentación do libro vai ser a última das intervencións da Xornada sobre o DCA, antes da clausura institucional.

O escritor vai estar acompañado por Amparo Rodicio, neuropsicóloga de Alento, que vai introducir a súa intervención. Ademais, vaino acompañar durante o ciclo de presentacións de Iridium dirixidas ao público xuvenil que se van desenvolver ao longo do curso.

En relación co ámbito social, destaca Chamádeme Simbad (2009), que entrou na Lista de Honra do IBBY 2012, e o libro de relatos asinado con Fina Casalderrey O neno can (seleccionado na Lista do Centro IBBY de Documentación para Nenos con Dificultades Especiais de Oslo). Ambas publicacións están dirixidas a público infantil.

Estrea na Casa do Libro

Na tarde de onte tivo lugar a primeira presentación de Iridium, na librería Casa del Libro de Vigo. O autor estivo acompañado pola neuropsicóloga Amparo Rodicio e pola pedagoga Paz Raña, que contextualizaron a novela desde cadanseu ámbito profesional. A continuación chegou a intervención de Francisco Castro, que presentou o proxecto remitíndose ao inicio, cando se ofreceu, hai cinco anos, a coñecer as asociacións de DCA e escribir un texto relacionado con este tema. Expresou un calidísimo agradecemento para Alento e para FEGADACE, subliñando con especial agarimo a axuda de Andrea, unha rapaza usuaria de Alento que lle serviu de inspiración para a construción da personaxe de Iris, a protagonista da novela.

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Divulgación de coñecemento
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)