Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 23/10/2018 | Inauguración da exposición CapacitArte: O DCA

Inaugurada na Xunta de Galicia a exposición CapacitArte: O Dano Cerebral Adquirido

Intervencións do director xeral de Discapacidade e do presidente de FEGADACE.

23/10/2018 | Compostela

Máis de 50 membros das asociacións de FEGADACE encheron esta mañá o a zona da pirámide do edificio administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela, para asistir á inauguración da exposición CapacitArte: O Dano Cerebral Adquirido.

A mostra expón, a través de diferentes paneis, a problemática das persoas con DCA, o que supón esta discapacidade en cifras para a comunidade galega, os servizos que proporcionan as asociacións... E amosa, tamén, diferentes imaxes cotiás tomadas en ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela. O conxunto achega á persoa visitante unha dimensión cuantitativa e cualitativa do que supón ter DCA hoxe en Galicia.

Primeiro acto co novo director xeral de Discapacidade

No acto de apertura participaron o novo director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, e o presidente de FEGADACE, Luciano Fernández. Fernández agradeceu a colaboración de todas as entidades implicadas nesta iniciativa, ao tempo que chamou ao sector da discapacidade a promover máis accións e proxectos como CapacitArte, levándoos á rúa. De la Campa solidarizouse coas persoas con DCA subliñando a súa propia experiencia con esta discapacidade, e manifestou a disposición da súa dirección xeral para continuar traballando co movemento asociativo. Este foi o primeiro acto de FEGADACE co director xeral, tralo seu nomeamento en substitución de Fabiola García, agora conselleira de Política Social.

Ademais dunha ampla representación de persoas con dano cerebral procedentes de Sarela, a asociación compostelá, asistiron ao acto todos/as os/as directores/as das entidades de DCA e boa parte da Xunta Directiva de FEGADACE. Tamén estiveron presentes delegacións das entidades do CERMI Galicia e persoal da Consellería de Política Social.

CapacitArte, unha iniciativa para a visibilización da discapacidade

CapacitArte é unha iniciativa do CERMI Galicia e da Consellería de Política Social que arrincaba en 2017 cunha mostra colectiva que se inaugurou con motivo do Día da Discapacidade (3 de decembro). A exposición estaba composta de diferentes paneis que explicaban brevemente en que consiste cada unha das discapacidades representadas no CERMI Galicia.

O proxecto continuou a desenvolverse ao longo deste ano, con exposicións temáticas mensuais sobre cada discapacidade. En outubro chegou a quenda de FEGADACE, por tratarse do mes no que se conmemora o Día Nacional do Dano Cerebral (día 26), e tamén o Día Mundial do Ictus (día 29). CapacitArte: O Dano Cerebral Adquirido pode visitarse desde o 15 de outubro e ata o vindeiro 7 de novembro.

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Sensibilización
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)