Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 21/11/2018 | O equipo de FEGADACE, en negro contra as violencias

A Federación vístese de negro contra as violencias machistas

FEGADACE súmase á campaña de sensibilización do 25 de novembro, día contra a violencia de xénero.

21/11/2018 | Compostela

FEGADACE sumouse á campaña En Negro contra as violencias machistas. Esta iniciativa, que partiu do Concello de Santiago e que en poucos anos se espallou por toda Galicia, pretende sensibilizar á poboación contra as violencias machistas perante o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que se conmemora o 25 de novembro.

O movemento asociativo da discapacidade leva tempo reflexionando sobre as formas específicas de violencia machista que sofren as mulleres e nenas con discapacidade, relacionadas coa residencia en institucións (nas que se detecta unha falta de intimidade e onde o corpo das mulleres se volve máis accesible, segundo indica a Fundación CERMI Mujeres), as esterilizacións forzosas ou a modificación da capacidade de obrar (que, en ocasións, as priva dos seus dereitos sexuais e reprodutivos). A sobreprotección por parte da familia e o estereotipo que sitúa ás mulleres con discapacidade como seres asexuados e infantilizados tamén funcionan como mecanismos específicos de discriminación que afectan ás mulleres con discapacidade.

Ademais, desde FEGADACE tamén se chama a atención sobre a vulnerabilidade na que se atopan as mulleres coidadoras, que moitas veces se ven obrigadas a deixar os seus traballos (renunciando á súa independencia), e que son a maioría das encargadas de atender permanentemente ás persoas en situación de dependencia.

Por todos estes motivos, a Federación decidiu sumarse á campaña e tinxir de negro, durante toda a semana, a súa oficina.

Arquivada en:
Demandas do Colectivo > Documentos políticos
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)