Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 21/01/2019 | Sesión de traballo coa consultora

FEGADACE traballa nun proxecto de medición do valor da atención ao DCA

Obterase unha cuantificación económica a partir da percepción social dos servizos das asociacións.

21/01/2019 | Galicia

FEGADACE está a traballar, desde hai uns meses, na medición do impacto (social e económico) dos servizos de atención ao dano cerebral empregando a metodoloxía de 'Monetización do Valor Social'. Con esta técnica pódese traducir nunha cuantificación económica a percepción que existe sobre o valor dos servizos que prestan as asociacións, que traballan directamente coas persoas e familias con DCA, e a propia Federación.

A información sobre a percepción do valor dos servizos de atención ao dano cerebral extráese dunha serie de entrevistas a diferentes grupos de interese. Estes colectivos inclúen desde persoas directamente implicadas, como usuarias e usuarios, profesionais, familiares ou voluntariado, a outras cun vínculo menos estreito, como financiadores, administracións públicas, empresas prestadoras de servizos ou sociedades científicas.

Esta fase, de traballo de campo a través da realización de entrevistas tanto individuais como grupais, é na que se atopa agora mesmo o estudo. Tanto os membros da consultora GEAccounting, que está a desenvolver o estudo, como os equipos profesionais da Federación e das asociacións, traballan na realización de entrevistas a través das que se coñecerá o valor social que o movemento asociativo do dano cerebral lle xera a cada grupo de interese en tanto que colectivo implicado.

Nas imaxes pódense ver dous intres da sesión grupal de entrevistas realizada pola consultora aos membros da Xunta Directiva de FEGADACE e ás direccións das asociacións.

Tradución do valor social ao valor económico

Coa información recollida, os consultores codificarán unhas variables de valor que permitirán realizar unha cuantificación que permita traducir o valor social en valor económico -de aí o nome da metodoloxía de "monetización"-.

Trátase dun estudo pioneiro entre as entidades sociais de Galicia, que permitirá coñecer o impacto económico real dos servizos prestados desde o movemento asociativo ás persoas e familias con dano cerebral co obxectivo de planificar e dimensionar mellor os recursos que se deben poñer en marcha e continuación.

A metodoloxía de Monetización do Valor Social foi desenvolvida polo profesor da Universidade de Deusto José Luis Retolaza, que tamén é director de GEAccounting (agrupación sen ánimo de lucro, conformada por universidades e institutos ligados á Universidade de Deusto). Colaboran con el na execución deste estudo os profesores Alejandro Pan e Emilio Ruzo, da Universidade de Santiago de Compostela.

FEGADACE está a desenvolver este proxecto grazas á colaboración e financiamento da Fundación Barrié e da Fundación Roviralta.

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Investigación
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)