Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Renacer | 15/02/2019 | Sesión de pilates para persoas usuarias de Renacer

Familiares e persoas con DCA de Ourense estrean a actividade de pilates

Renacer programa dous novos obradoiros destinados á mellora do benestar e das capacidades físicas.

15/02/2019 | Ourense

O obxectivo é esencialmente o mesmo: aumentar a capacidade pulmonar, mellorar o equilibrio, a coordinación e a postura; en definitiva, potenciar o ton físico. Ademais, no caso do obradoiro para familiares, trabállase tamén con exercicios que melloran a circulación sanguínea, intestinal, a pelve... A diferenza fundaméntase nas distintas capacidades que teñen os dous colectivos.

O mantemento e reforzo das capacidades físicas é un dos obxectivos principais dos programas de rehabilitación das asociacións de dano cerebral. Desenvólvese a través de diferentes actividades individuais e grupais, grazas ás profesionais da fisioterapia e terapia ocupacional -ás que se suman, en ocasións, preparadores/as deportivos/as-.

As actividades para familiares serven de descanso e respiro, e facilitan o contacto entre persoas coidadoras. A mellora das súas capacidades físicas tamén é importante á hora de afrontar o labor de coidados, que moitas veces inclúe o uso da forza para o apoio en mobilizacións, aseo, etc.

As dúas actividades comezaron en febreiro. A destinada ás persoas usuarias ten lugar todos os venres, e a destinada a coidadoras é cada martes. Pódese obter máis información contactando con Renacer.

Arquivada en:
Recursos de Atención > Mapa de recursos > DCA Ourense