© FEGADACE | 01/03/2019 | Ciclo de charlas sobre o DCA
FEGADACE vai informar sobre o dano cerebral adquirido en zonas rurais
A Federación organiza un ciclo de charlas de prevención e sensibilización nos meses de marzo, abril e maio.
FEGADACE comeza este mes un ciclo de charlas informativas sobre o dano cerebral adquirido en zonas rurais de toda a xeografía galega. O obxectivo da Federación é chegar á poboación máis aillada e envellecida para darlle a coñecer esta discapacidade. O programa comeza o día 7 e desenvolverase durante marzo, abril e maio.
En cada sesión formativa, de aproximadamente unha hora de duración, vanse tratar temas como as causas e factores de risco do DCA, entre os que salienta o ictus -cunha incidencia directamente relacionada coa idade; de aí o feito de intentar chegar á poboación envellecida-, como actuar no caso de que se produza, e cales son os recursos de atención e rehabilitación máis próximos e os dereitos que teñen as persoas e familias nesta situación.
O programa conta co financiamento da Consellería de Política Social a través da asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, dos fondos que as persoas contribuíntes destinan a 'fins sociais' marcando a 'X Solidaria' na súa declaración da renda.
A encargada de impartir estas charlas vai ser a traballadora social de FEGADACE. A Federación incorporou este perfil profesional a finais do ano pasado co obxectivo de incrementar o alcance das súas accións de sensibilización. As charlas organízanse en colaboración cos servizos sociais dos concellos, ou con outras asociacións locais.
As charlas fixadas ata o momento son as seguintes:
- A Gudiña: 7 de marzo. 16:00. Edificio Multiúsos (Rúa Beato Sebastián Aparicio, 83-85, baixo)
- Monterrei: 11 de marzo. 17:00. Local social de Medeiros (Praza Santa María, s/n)
- Monterrei: 11 de marzo. 18:00. Casa da Cultura de Albarellos (Rúa Progreso, 112)
- Baltar: 11 de marzo. 12:30. Casa da Cultura (Rúa Sarxento Seoane, s/n)
- Vilasantar: 13 de marzo. 11:00. Local social
- Sobrado: 13 de marzo. 12:40. Salón de Plenos do Concello (Praza do Portal, 1)
- Aranga: 22 de marzo. 10:45. Anexo CEIP A Castellana *previa inscrición gratuíta ata o 15 de marzo chamando ao 646 578 768
- Piñor: 27 de marzo. 18:00. Centro social (Albarona)
- Muras: 4 de abril. 18:00. Local social (Rúa Apóstol Santiago)