Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Xunta de Galicia | 05/04/2019 | O presidente de FEGADACE (terceiro pola esquerda) xunto cos representantes de entidades do CERMI Galicia, a conselleira de Política Social e o DX de Discapacidade

Asinado o convenio de FEGADACE coa consellería de Política Social

A Federación recibirá 220.000 euros para programas de autonomía persoal, información, e outras actividades.

08/04/2019 | Compostela

O presidente de FEGADACE, Luciano Fernández, asitiu o venres ao acto de sinatura do convenio de colaboración coa consellería de Política Social, xunto cos representantes das outras entidades do CERMI Galicia. A Federación recibirá este ano 220.000 euros do total de 3,3 millóns de euros que a consellería destina aos programas de atención á discapacdiade das entidades do CERMI Galicia.

FEGADACE desenvolve, grazas aos fondos que recibe de Política Social, diferentes programas e actividades. En concreto, a través das cinco asociacións federadas, execútase un programa de Promoción da autonomía persoal que inclúe actividades para a mellora e o benestar físico, actividades básicas da vida diaria e lecer e inclusión social; e un Programa de información e asesoramento a familias que presta o servizo de información e orientación.

Ademais, a Federación organiza actividades como o respiro familiar, o respiro para persoas coidadoras, a Xornada sobre o Dano Cerebral, as conmemoracións do Día do Dano Cerebral (26 de outubro) e Día do Ictus (29 de outubro) e outras de carácter formativo como o Encontro de Profesionais ou o de Xuntas Directivas.

O acto de sinatura do convenio contou coa presenza da conselleira, Fabiola García. Ademais do presidente de FEGADACE, estiveron presentes as persoas que ocupan o mesmo cargo en Down Galicia (que recibe 470.000 euros), COGAMI (990.000 euros), Fademga - Plena Inclusión Galicia (245.000 euros, FEAFES Galicia (620.000 euros), Autismo Galicia (160.000 euros, ASPACE Galicia (90.000 euros), FAXPG (760.000 euros) e Federación Alzhéimer Galicia (90.000 euros).

0,7% da declaración da renda

A conselleira recordou que todas e todos podemos sumar o noso gran de area para mellorar a calidade de vida das persoas que por calquera motivo teñen limitada a súa autonomía persoal. Así, subscribiu a petición das delegacións galegas do CERMI e EAPN e a Coordinadora Galega de ONGD, que instan a todas as persoas a marcar a casiña de Actividades de Interese Social na campaña da declaración da renda. Este simple xesto axudará a que o 0,7% dos seus impostos se empreguen en programas sociais que procurarán mellorar a vida das persoas que máis o precisen.

Arquivada en:
Transparencia > Financiadores
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)