Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Renacer | 16/04/2019 | Á esquerda, o usuario de Renacer impartindo unha charla sobre seguridade viaria

Formación en seguridade viaria e prevención do DCA da man dun usuario de Renacer

A ferramenta dixital 'Mefacilyta' serve de apoio para a planificación, a memoria e a localización temporal.

16/04/2019 | Baños de Molgas

'Conectados para a Prevención en Seguridade Viaria' é o nome do proxecto impulsado por FEDACE grazas ao que Renacer, a asociacion de dano cerebral ourensá, combina nunha soa actividade a promoción da autonomía persoal coa prevención do DCA.

Unha persoa usuaria de Renacer está a empregar a ferramenta 'Mefacilyta' como apoio para impartir charlas de prevención do dano cerebral. Así, a entidade cumpre unha dobre finalidade. En primeiro lugar, a asociación ourensá informa sobre o dano cerebral e promove a súa prevención, especialmente no que se refire a recomendacións de seguridade viaria para evitar accidentes de tráfico, que son a segunda causa do DCA.

En segundo lugar, o proxecto serve para que a persoa con dano cerebral adquirido se forme no uso de 'Mefacilyta', unha aplicación desenvolvida por FEDACE e a Fundación Vodafone que axuda á planificación, memoria e localización temporal; é dicir, a orientarse e manter a orde dos contidos da charla.

O usuario de Renacer empregou esta ferramenta por primeira vez o pasado 6 de abril, nunha charla sobre seguridade viaria que impartiu en Sanguñedo, no concello de Baños de Molgas. Alí estivo acompañado por un educador social da asociación, a modo de apoio. Está previsto que continúe a actividade informativa, ao tempo que practica o uso dunha ferramenta que poderá, en canto a domine, incorporar á súa vida diaria.

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Accesibilidade e TIC
Recursos de Atención > Mapa de recursos > DCA Ourense