Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© ADACE Lugo | 25/04/2019 | As persoas participantes no obradoiro, diante do mural que crearon

ADACE Lugo organiza un obradoiro para fomentar a lectura polo 23 de abril

As persoas usuarias da entidade leron un capítulo do seu libro preferido e elaboraron un mural.

25/04/2019 | Lugo

ADACE Lugo conmemorou o 23 de abril, Día do Libro, cun obradoiro que titularon 'Non deixes para mañá o que poidas ler hoxe'. Organizado pola logopeda da asociación, Sabela Veiga, centrouse na animación á lectura e na creación de manualidades.

As persoas usuarias da entidade foron chamadas a levar o seu libro preferido e ler un capítulo en alto para o grupo. En conxunto escoitaron e comentaron as lecturas que se presentaron. A continuación, cada unha das persoas participantes escribiu unha frase sobre a lectura, para crearen un mural poñéndoas en común.

O obxectivo desta actividade, ademais do entretemento e do intercambio de lecturas e experiencias, é o fomento da lectura. No que se refire á rehabilitación do dano cerebral, esta actividade axuda a desenvolver as capacidades básicas de atención, concentración, comprensión e expresión.

Ademais, a asociación lucense implicouse enormemente no sorteo de dez exemplares de Iridium organizado por FEGADACE. Persoas usuarias e profesionais achegaron textos coa súa opinión e percepción do dano cerebral que se poden ler no noso Repositorio de experiencias.

Dúas das persoas que remitiron textos ao sorteo resultaron premiadas cun exemplar de Iridium asinado por Francisco Castro.

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Accesibilidade e TIC
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Asociación de Dano Cerebral de Lugo (ADACE Lugo)