Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© Sarela | 25/04/2019 | Horarios dos puntos de información de Sarela

Sarela crea na Estrada e Arzúa dous puntos de información especializada en DCA

Súmanse á Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo, onde se sitúan as asociacións de FEGADACE.

25/04/2019 | A Estrada | Arzúa | Santiago

A Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela vén de poñer en marcha dous novos puntos de información especializada en DCA. Grazas a estes novos servizos, xa é posible obter asesoramento e información sobre a nosa discapacidade na Estrada e Arzúa, ademais de nas cinco localidades que acollen as asociacións de FEGADACE -A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo- e en Pontevedra, onde Alento xestiona PonteDCA.

A pesar da enorme incidencia que o dano cerebral adquirido ten en Galicia, onde se calcula que hai 35.000 persoas -e outras tantas familias- afectadas, moitas non acceden a unha información especializada e de calidade sobre as súas secuelas, posibilidades de recuperación grazas á rehabilitación, recursos de atención existentes, etc.

É por ese motivo que Sarela, que ten como ámbito de actuación a área sanitaria de Compostela (actualmente 46 concellos cunha poboación de case 450.000 persoas), decidiu poñer en marcha estes dous novos puntos de atención, que se suman ao que a entidade xestionaba xa no CHUS. Serán atendidos por unha traballadora social de Sarela como apoio ao equipo de profesionais aos profesionais municipais e do centro de saúde.

A Estrada

O punto de información da Estrada estará aberto todos os venres no Centro de Saúde en horario de 10 a 13 horas. A asociación compostelá conta para este proxecto co apoio do equipo do centro de saúde.

Arzúa

O de Arzúa funcionará na Casa do Concello todos os mércores de 10 a 13 horas e tamén será o punto de información de referencia para a poboación de Melide, Lalín, Vila de Cruces, Santiso, Toques, Frades, Touro, O Pino e Boimorto. Sarela conta co apoio do consistorio arzuán.

Hai máis información na páxina web de Sarela.

Arquivada en:
Proxectos > Proxectos > Sensibilización
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela