Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 31/05/2019 | Encontro de Profesionais de FEGADACE 2019

Xornada de formación sobre ética na abordaxe da atención ao dano cerebral

No marco do 'Encontro de profesionais' de FEGADACE e das súas asociacións, que terá lugar o 8 de xuño.

31/05/2019 | Santiago de Compostela

A formación continua e a reflexión sobre a intervención que realizamos coas persoas e familias con dano cerebral adquirido forman parte do ADN de FEGADACE e das súas asociacións. Cada ano, a Federación impulsa un 'Encontro de profesionais' no que os equipos de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela reciben instrución sobre algún aspecto da atención ao dano cerebral.

O 2019 está a ser o ano de reflexión sobre a ética e a comunicación; é por iso que o 'Encontro de profesionais' leva por título 'Ética na abordaxe da atención ao dano cerebral adquirido'. Vai ter lugar o sábado 8 de xuño en Santiago de Compostela, nunha das salas do Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura.

A formación está divida en dúas áreas. A primeira delas vai ser a de 'Ética aplicada á intervención profesional. A importancia da comunicación', impartida por Xurxo Rivas. Rivas é licenciado en Dereito e experto en Ética Aplicada á Intervención Social. Conta con ampla experiencia na formación dirixida a entidades sen ánimo de lucro para a reflexión sobre unha intervención profesional acorde cos principios de respecto e dignidade da persoa con discapacidade.

A segunda área vai ser máis aplicada, xa que un grupo de traballo composto polas logopedas das cinco asociacións de FEGADACE van achegar formación sobre os Sistemas Alternativos e Aumentativos de Comunicación (SAAC), é dicir, sobre as normas existentes para facilitar a accesibilidade e o intercambio de información. É moi habitual que as persoas con dano cerebral teñan afasias, ataxias, e outras secuelas que afectan tanto á expresión como á comprensión, polo que é importante coñecer todos os recursos dispoñibles á hora de abordar calquera intercambio informativo, de cara a coñecer con precisión a súa opinión e respectar ao máximo as súas decisións, fomentando a autonomía persoal.

O Encontro de profesionais organízase co apoio da Consellería de Política Social a través do convenio nominativo anual que mantén con FEGADACE.

Plano de acceso á Cidade da Cultura desde a AP9

Plano de acceso Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Formación
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)