Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 10/06/2019 | Grupo de asistentes ao Encontro de Profesionais

77 profesionais de FEGADACE fórmanse en ética e comunicación

O encontro sobre a abordaxe da atención ao DCA tivo lugar o sábado 8 de xuño en Santiago de Compostela.

10/06/2019 | Santiago

FEGADACE organizou este sábado, 8 de xuño, o seu Encontro de Profesionais, no que se deron cita 77 membros dos equipos de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer, Sarela, e a propia Federación. Desde profesionais de perfís rehabilitadores (fisioterapeutas, logopedas, terapeutas ocupacionais...), responsables de coidados e obradoiros, a persoas con ocupacións de xestión (dirección, administración, proxectos ou comunicación), asistiron a unha formación transversal que levou por título 'Ética na abordaxe da atención ao dano cerebral adquirido'.

A xornada comezou ás 9:30 coa presentación da intervención de Xurxo Rivas. Licenciado en Dereito, é Experto en Ética Aplicada á Intervención Social e formador e consultor de entidades non lucrativas, con ampla experiencia en discapacidade. Comezou a súa intervención sentando as bases da diferenza entre ética e moral, para, a continuación, iniciar unha reflexión sobre a toma de decisións a través de diferentes exemplos baseados en casos reais. Rivas incidiu tamén na necesidade de facilitar e adaptar a comunicación para transmitir correctamente as mensaxes e para recoller debidamente as opinións das persoas, facendo que os consentimentos informados o sexan realmente.

Durante a charla definíronse nocións como a de bioética ou a de ética do coidado, e introduciuse a idea de ética aplicada á intervención social, que está orientada a protexer e promover a autonomía das persoas en situación de especial vulnerabilidade. O docente subliñou que o fin último do emprego da ética a través dun comité é garantir a autonomía das persoas a través dun proceso dialogado que respecte a dignidade da persoa.

E, para finalizar a sesión formativa, un grupo de traballo composto polas logopedas das cinco asociacións de FEGADACE preparou unha intervención sobre a 'Accesibilidade para facilitar o intercambio de información: Sistemas Alternativos e Aumentativos de Comunicación (SAAC)'. Con esta sesión formouse ao conxunto de profesionais sobre mecanismos para exercer e facilitar o traballo de reflexión e negociación comentado previamente por Xurxo Rivas. As logopedas introduciron a súa filosofía de traballo e presentaron diferentes produtos de apoio para facilitar a transmisión de información, amosando o seu funcionamento e adaptacións en función da persoa con dano cerebral.

Arquivada en:
Proxectos > Proxectos > Formación
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)