Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© EAPN España | 24/06/2019 | Lema do XIII Encontro de Participación da EAPN España

O Encontro de Participación da EAPN España terá lugar en Santiago do 26 ao 28 de xuño

Leva por lema 'Loita contra a Pobreza, a Exclusión Social e a Desigualdade no marco dos ODS' da ONU.

12/06/2019 | Santiago

Santiago de Compostela acolle os próximos 26, 27 e 28 de xuño o XIII Encontro de Participación 'Loita contra a Pobreza, a Exclusión Social e a Desigualdade no marco dos ODS', que organizan EAPN Galicia -da que forma parte FEGADACE- e EAPN España (Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social).

Este Encontro, no que participarán máis de 200 persoas de toda España, entre as que se inclúen as de 16 entidades galegas membro de EAPN-Galicia, ten como obxectivo crear un espazo para contribuír ao empoderamento das persoas en risco de pobreza e/ou exclusión, apoiando as súas capacidades para coñecer, comprender, defender e reclamar os dereitos que lles son recoñecidos.

Tamén servirá para reivindicar a necesidade do desenvolvemento da Estratexia Nacional de Prevención e Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social 2019 – 2023, coas persoas ás que debería beneficiar directamente a propia Estratexia.

Durante o evento tamén se fará entrega dos #PremiosEAPN, en recoñecemento a diferentes experiencias innovadoras, modelos de participación en entidades sociais e persoas con ampla traxectoria no ámbito da participación. Un destes premios será para a galega-dominicana Yosehanna Ledesma pola súa traxectoria individual. A Fundación Secretariado Xitano será premiada polo seu rol de facilitadora do cambio social e a Unidade Móbil de Rescate (APRAMP) pola súa experiencia transformadora.

Campaña contra a Aporofobia co referente do Parlamento de Galicia

O Encontro tamén servirá para o lanzamento da campaña estatal 'ContrAporofobia', que pretende visibilizar as problemáticas que crean os estereotipos, os prexuizos e a discriminación das persoas en situación de pobreza e/ou exclusión social. As propias persoas afectadas por este discurso serán as protagonistas e activistas da mesma.

O acto de presentación será o 28 de xuño as 9:30 no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e terá como referencia a Declaración institucional contra o odio e a intolerancia as persoas en pobreza ou exclusión que o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade. O propio presidente do Parlamento, Miguel Santalices, será o encargado de presentala.

Implicación política e institucional

EAPN leva unha longa traxectoria na celebración de Encontros, Seminarios e Congresos de Participación, tanto a nivel Europeo como Estatal ou en Galicia, traballando para que as persoas en situación ou risco de exclusión social sexan as protagonistas do que lles afecta.

Como parte deste proceso de dialogo é imprescindible a participación de responsables institucionais. Neste senso, ademais da xa citada presenza do presidente do Parlamento, é destacable a implicación da Xunta de Galicia, comezando polo seu presidente, Alberto Nuñez Feijoo, que participará no acto institucional o 27 de xuño (17:00), ou da Conselleira de Política Social, Fabiola García. Pero tamén de altos responsables do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social.

O desenvolvemento do evento poderase seguir a través de Twitter coa etiqueta #participasocial19.

*Información recollida da páxina web da EAPN Galicia.

Arquivada en:
Transparencia > Alianzas e plataformas > Rede Galega de Loita contra a Pobreza (EAPN Galicia)
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)