Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 03/09/2019 | A especialista en ética María Jesús Goikoetxea

'O papel dos comités de ética en servizos sociais' debaterase na Xornada sobre o DCA

A experta en ética María Jesús Goikoetxea presentará a función destas entidades, inexistentes en Galicia.

12/09/2019 | Santiago de Compostela

A profesora da Universidade de Deusto María Jesús Goikoetxea Iturregui participa na Xornada sobre o Dano Cerebral Adquirido cunha conferencia sobre 'O papel dos comités de ética en servizos sociais'. A súa quenda será ás 10:30.

Goikoetxea é doutora en Dereitos Humanos (tese sobre ‘Malos tratos na atención e coidado a persoas en situación de dependencia’), licenciada en Psicoloxía e Teoloxía pola universidade de Deusto, Maxíster en Bioética e en Ética para a Construción Social.

Na Universidade de Deusto é profesora de ‘Bioética’, ‘Ética profesional’ e ‘Intervencións en Psicoloxía da Saúde’. Tamén exerce como profesora colaboradora en distintos másters e cursos de posgrao en varias universidades españolas; en Colombia é investigadora-colaboradora no Instituto de Bioética da Universidade Javeriana. Investigadora do equipo ‘Intervención social e calidade de vida’. Investigadora principal e coordinadora do proxecto de prevención e detección de malos tratos a persoas dependentes en colaboración co Goberno Vasco.

Psicóloga clínica en exercicio desde 1991 con atención a persoas con enfermidades avanzadas e procesos de dó.

Consultora, asesora e docente en Ética de múltiples entidades públicas e privadas sanitarias, de servizos sociais e do terceiro sector en Euskadi e no Estado español.

Desde 1996 impulsou e colaborou no proceso de desenvolvemento da ética e dos comités de ética en Euskadi, Asturias, Castela León, Cantabria, Castela A Mancha, Madrid e Canarias. É ex-presidenta e Membro do Comité de ética de intervención social de Bizkaia, membro do Comité de ética de FEAPS-Plena Inclusión, da Coordinadora de Comités de ética do País Vasco, da Comisión de ética asistencial de Zahartzaroak (Asociación vasca de xeriatría e xerontoloxía) e da Xunta Directiva da Asociación de Bioética Fundamental e Clínica.

Conta con múltiples publicacións sobre información e consentimento en servizos sociais, asistencia persoal, detección de malos tratos, atención a persoas maiores e ao final da vida e bo trato.

A Xornada sobre o Dano Cerebral Adquirido dedícase á reflexión sobre ‘Información e toma de decisións: unha mirada desde a ética’. Terá lugar o 28 de setembro desde as 9:00 na Facultade de Filosofía da USC, en Santiago de Compostela. A inscrición está aberta ata completar aforo e é gratuíta. Pode formalizarse nesta ligazón.

#XornadaDCA

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Divulgación de coñecemento
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)