Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© CERMI Galicia / Xunta de Galicia | 26/09/2019 | O conselleiro de Emprego (segundo pola dereita), o presidente do CERMI Galicia (terceiro pola dereita) e o presidente de FEGADACE (primeiro pola esquerda)

CERMI Galicia e Xunta alíanse pola inserción laboral das persoas con discapacidade

Nunha xornada temática na que a orientadora laboral de Sarela expuxo o labor coas persoas con DCA.

26/09/2019 | Santiago

O Comité de Entidades de Representantes de Persoas con Discapacidade en Galicia (CERMI Galicia) e a Xunta expresaron a súa vontade de seguir traballando conxuntamente para potenciar a inserción laboral das persoas con discapacidade en Galicia.

Así o manifestaron o luns na xornada 'O Impulso da inserción laboral das persoas con discapacidade en Galicia', organizada polo CERMI Galicia no edificio administrativo San Lázaro.

O evento contou coa participación de representantes políticos e do movemento asociativo da discapacidade coa finalidade de intercambiar ideas para avanzar na inclusión laboral das persoas con discapacidade, así como fomentar e dar a coñecer as demandas comúns sobre emprego deste sector.

FEGADACE estivo representada polo seu presidente, Luciano Fernández; a súa directora, Begoña Hermida; e a orientadora laboral de Sarela Noelia Parente, que presentou as especificidades do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido á hora de volver ao traballo ou de buscar un novo emprego, así como o labor que realizan desde o Servizo de Orientación Laboral da entidade compostelá.

Durante o encontro, o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta, Francisco Conde, indicou como "chave" a integración laboral para "lograr a plena inclusión das persoas con discapacidade" en Galicia e a traxectoria do Comité en defensa dos dereitos das persoas con discapacidade.

Contidos da xornada

A apertura correu a cargo da secretaria xeral de Emprego da Xunta, Covadonga Toca, e do presidente do CERMI Galicia, Iker Sertucha. A continuación, impartiuse o relatorio 'A realidade socio laboral das persoas con discapacidade en Galicia e as actuacións da Xunta de Galicia nesta materia' por parte de representantes da Secretaría Xeral de Emprego.

Pola súa banda, o CERMI Galicia expuxo 'As realidades da inclusión laboral das persoas con discapacidade en Galicia' desde o punto de vista do persoal técnico que forman parte das entidades membro -como foi o caso de Noelia Parente-. Tras un debate entre asistentes, participantes e o equipo da Secretaría Xeral do Emprego, o presidente do CERMI Galicia sintetizou as principais demandas das diferentes entidades integradas no Comité para alcanzar a inclusión laboral das persoas con discapacidade con itinerarios personalizados e campañas de sensibilización ás pequenas e medianas empresas.

Para pechar a xornada, o conselleiro Francisco Conde indicou que "Galicia é a comunidade que tivo un maior volume de contratación de persoas con discapacidade nos últimos anos, cun crecemento do 75%, ata situala en 25.100 persoas empregadas", aínda que defendeu que "hai que seguir traballando nesta área".

Máis información na páxina web da Xunta de Galicia.

Arquivada en:
O Dano Cerebral > Fases do dano cerebral > Crónica: vivir con dano cerebral adquirido
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)