Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© CPLG | | Fragmento do cartel das Xornadas do CPLG

O DCA vai estar presente nas Xornadas Internacionais do Colexio de Logopedas

Van ter lugar na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña os días 15 e 16 de novembro.

31/10/2019 | A Coruña

O Colexio Profesional de Logopedas de Galicia (CPLG) organiza as súas II Xornadas Internacionais os días 15 e 16 de novembro na Coruña. As sesións divídense en tres bloques, dos que o primeiro será o dedicado ao dano cerebral adquirido.

Así, na mañá do venres, 15 de novembro, trala inauguración, ás nove da mañá, sucederanse as conferencias sobre a abordaxe do dano cerebral desde a perspectiva da logopedia. Entre elas, a logopeda de Sarela, Ruth González, vai realizar unha intervención sobre 'Logopedia e calidade de vida en persoas con DCA'. Ademais, FEGADACE vai colocar unha mesa informativa durante todo o día no espazo das Xornadas na que se repartirán diferentes materiais sobre os servizos e actividades da Federación e as súas asociacións.

Este é o programa completo da sesión de mañá, o día 15:

  • 9:00-9:30. Inauguración.
  • 9:30-10:15. Estíbaliz Terradillos: Valoración e intervención da afasia desde o enfoque funcional: a conversa e a interacción cos interlocutores.
  • 10:15-11:00. Marcia Adriao: Valoración e intervención en disartria en DCA.
  • 11:00-11:30. Descanso.
  • 11:30-12:15. Helena Bascuñana: Valoración e intervención en disfaxia en DCA.
  • 12:15-13:00. Ruth González: Logopedia e calidade de vida en persoas con DCA
  • 13:00-13:45. Mesa redonda: Dano Cerebral Adquirido.

As Xornadas continúan pola tarde e ao día seguinte, centradas en TEL, motricidade orofacial e terapia miofuncional. O programa completo pódese consultar aquí.

O CPLG dirixe esta actividade especialmente a profesionais, persoas colexiadas, e tamén estudantes de Logopedia. Van ter lugar na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña.

Logopedia e dano cerebral adquirido

A logopedia é unha das disciplinas que forman parte do modelo de rehabilitación e atención ao dano cerebral adquirido definido polo Ministerio de Sanidade e que aplican as nosas asociacións. Por iso a Federación mantén unha estreita relación co Colexio de Logopedas, asistindo e participando nas actividades que unha e outra entidade organizan.

Ademais, o movemento asociativo do DCA elaborou, a través da Federación Española de Daño Cerebral, un 'Caderno FEDACE' sobre a intervención nesta discapacidade desde o punto de vista da logopedia. Os Cadernos FEDACE son unha colección de publicacións elaboradas polos equipos técnicos das asociacións de DCA de todo o Estado a través de obradoiros e grupos de traballo nos que reflexionan sobre procedementos e metodoloxías de intervención.

Descarga aquí o Caderno FEDACE nº5: Logopedia e dano cerebral adquirido

Arquivada en:
O Dano Cerebral > Fases do dano cerebral > Subaguda: a rehabilitación
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)