Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

A exposición 'Punto e seguido' instalarase en Ourense desde o 2 de decembro

A mostra de fotografías poderá verse no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

29/11/2019 | Ourense

A exposición ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’, coa que a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) e as súas asociacións achegan, a través da fotografía, unha aproximación ao día a día desta discapacidade, inaugúrase o luns, día 2 de decembro, na cidade de Ourense. A mostra poderá visitarse ata o día 15 de xaneiro no primeiro andar do Edificio Cirúrxico do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, (Rúa Ramon Puga Noguerol, 54).

Proxecto 'Punto e seguido'

A colección de fotografías, obra do fotógrafo compostelán Aigi Boga, realizouse nas cinco asociacións de dano cerebral de Galicia. As persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela, son as protagonistas desta mostra, onde se amosa a súa vida cotiá, as actividades que desenvolven, os momentos de descanso, a convivencia... É dicir, a súa vida despois dese “punto e seguido” que constitúen un ictus, un accidente, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.

Para acompañar esta exposición, FEGADACE elaborou unha serie de curtametraxes que contan con diferentes testemuños de persoas con DCA, familiares e profesionais das asociacións. Trátase dunha peza principal e outros videos máis pequenos que xuntos constrúen un retrato da complexidade de secuelas que compoñen esta discapacidade: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas, etc.

A organización desta exposición conta coa colaboración da Obra Social La Caixa e do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

Percorrido da exposición

A exposición 'Punto e seguido' puido verse con anterioridade neste 2019 nas cidades de Vigo, Lugo e Santiago. Para o vindeiro ano está previsto a organización doutras mostras en diferentes puntos da xeografía galega pendentes de concretar.
 

#puntoeseguido

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Sensibilización
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)