© Renacer | 09/12/2019 | Imaxe da cea solidaria de Renacer 2018
A asociación Renacer organiza unha nova edición do seu Xantar do Socio
A entidade ourensá tamén será a protagonista da festa solidaria de Cie Galfor o vindeiro sábado.
O vindeiro venres 13 de decembro a asociación de dano cerebral de Ourense, Renacer, celebrará unha nova edición do seu Xantar do Socio. O evento pretende reunir, con motivo das festas do Nadal, a todas as persoas socias da entidade ourensá así como á xunta directiva, profesionais e persoas voluntarias.
Este xantar, que se celebra cada ano, realizarase no comedor do CIS Aixiña a partir das 14:00 horas. Durante esta xuntanza, as persoas asistentes poderán gozar dunha sesión de baile que rematará cun sorteo de agasallos.
Festa solidaria de Cie Galfor
Por outra banda, ó día seguinte, Renacer será a protagonista dunha festa solidaria organizada pola empresa Cie Galfor destinada aos fillos e fillas dos traballadores da empresa metalúrxica. A asociación ourensá instalará unha mesa informativa durante o evento e será a entidade que reciba o recadado no evento.
A colaboración de Renacer e Cie Galfor non remata neste acto, xa que a asociación realizou nos últimos meses dúas charlas sobre a prevención do dano cerebral adquirido nas instalacións da empresa. Ademais, grazas ao convenio que Cie Galfor ten co Clube Ourense de Baloncesto, Renacer recibirá por cada mate que o equipo consiga facer nos encontros como local unha cantidade que será entregada no acto do vindeiro sábado.