© Sarela | 17/01/2020 | Cartel do ciclo de charlas sobre DCA
Sarela inicia un novo ciclo de charlas sobre aspectos concretos do DCA
A entidade compostelá celebrará no seu centro sete sesións formativas abertas á poboación.
A Asociación de Dano Cerebral de Compostela, Sarela, inicia hoxe un novo ciclo de charlas formativas sobre o DCA, tras pechar o pasado martes o seu proxecto informativo nos centros socioculturais da capital de Galicia. Nesta ocasión, o proxecto abordará aspectos moi concretos do dano cerebral como a alimentación saudable para previr riscos cardiovasculares, a prevención do estrés en persoas coidadoras, primeiros auxilios, coidado físico das persoas coidadoras, o manexo de situacións difíciles ou os recursos comunitarios existentes.
Este ciclo formativo, que comezará tratando as causas e consecuencias do dano cerebral, terán lugar no centro da asociación, situado na rúa Pedro Cabezas González nº3, en Santiago de Compostela a partir das 16h. Serán as profesionais de Sarela as encargadas de impartir estas sete charlas, que terán unha duración de 90 minutos cada unha.
A formación está aberta á poboación en xeral pero é necesario que as persoas interesadas en asistir se poñan en contacto coa entidade compostelá a través do teléfono 981577037.