Unha vida salvada merece ser vivida
con dignidade

Noticias 

© FEGADACE | 22/01/2020 | Cartel da exposición Punto e Seguido na Coruña

A exposición ‘Punto e seguido’ poderá visitarse na Coruña desde o 27 de xaneiro

A colección de imaxes protagonizadas por persoas con DCA estará no Centro Cívico Castrillón.

24/01/2020 | A Coruña

A exposición ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’ regresa á cidade da Coruña. Trátase dunha mostra coa que a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) e as súas asociacións achegan, a través da fotografía, o día a día das persoas con esta discapacidade. Esta colección de imaxes poderá visitarse desde o 27 de xaneiro ata o 14 de febreiro no Centro Cívico Castrillón (Praza Pablo Iglesias, 1), de luns a domingo no horario de apertura habitual do centro.

Proxecto 'Punto e seguido'

As fotografías que compoñen a mostra, obra do fotógrafo compostelán Aigi Boga, realizáronse nas cinco asociacións que forman parte da Federación. Nas imaxes, protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela, amósase a súa vida cotiá, as actividades que realizan ou a súa convivencia, é dicir, a vida despois do “punto e seguido” tras un ictus, un traumatismo cranioencefálico, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.

Ademais, para acompañar a exposición, FEGADACE realizou unha serie de videos curtos que contan con diferentes testemuños de persoas con DCA, familiares e profesionais das entidades. Son un total de sete videos, cunha peza principal e seis máis pequenas, que crean un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas, etc.

A organización desta exposición conta coa colaboración do Concello da Coruña e coa financiación da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF.

Percorrido da exposición

'Punto e seguido' percorreu nos dous últimos anos as principais cidades galegas e está previsto para este ano 2020 a organización doutras mostras en diferentes puntos da xeografía galega.
 

#puntoeseguido

Arquivada en:
Que facemos > Servizos > Sensibilización
Recursos de Atención > Mapa de recursos > Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)